AS FESTAS DE INCHABLES E DA ESCUMA ATRAEN A MÁIS DE 200 NENOS NA PISCINA DE OROSO
Máis de douscentos nenos e nenas participan esta tarde na Festa de Inchables que se celebra entre as 16 e as 19 horas na piscina municipal de Oroso, en Sigüeiro. A festa culminará a partir das 19:15 horas coa Festa da Escuma, unha proposta xa clásica na programación estival do Concello.
Os nenos dispoñen dun elemento inchable multiaventura colocado sobre a auga da piscina. Nunha primeira fase, teñen que sortear varios obstáculos como un polbo xigante ou unha manada de cocodrilos, ata chegar a unha segunda parte do xogo na que deben superar unha pendente, coa axuda dunhas cordas, para finalmente descender por un tobogán cara a auga. Outro dos elementos de xogo está situado na zona verde contigua á piscina e permítelles dar saltos ao chou.
As actividades e os elementos de xogo dispostos están sendo supervisados por monitores da empresa que colabora co Concello no desenvolvemento da Semana Cultural. Estes profesionais verifican que en todo momento se cumpran as normas de seguridade e os xogos se desenvolvan con normalidade. Serán tamén os encargados do funcionamento da lanzadeira que a última hora da tarde creará unha nube de escuma na que poderán xogar todos os participantes na festa.
Actividades para o martes e o mércores
Esta actividade supón o inicio da segunda parte da Semana Cultural Oroso 2012, que este martes ofrecerá a actuación de novo circo de ‘Lusco e fusco’, co seu número ‘Encontros’. Está previsto que comece ás 19 horas na piscina municipal, e se a chuvia o impide será trasladado ao Centro Cultural Fernando Casas e Novoa. É un espectáculo para todos os públicos.
Xa o mércores, pola mañá desenvolverase un obradoiro de maxia na Praza de Isaac Díaz Pardo. A partir das 11:30 horas, nenos de sete anos en diante poderán aprender a realizar algúns trucos coa axuda dos magos Xacobe e Pedro Bugarín. Esta actividade ten prazas limitadas e require inscrición previa no centro cultural. O programa do mércores inclúe tamén a representación teatral ‘Tacóns na corda’, da compañía ‘Verdeveras’, no centro cultural a partir das 22 horas. É unha obra para maiores de doce anos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario