Frades - celebrouse o Día da bicicleta

O DÍA DA BICICLETA DE FRADES PROMOVE HÁBITOS SAUDABLES ENTRE UNHA TRINTENA DE PARTICIPANTES

Unha trintena de persoas de todas as idades participaron na celebración da quinta edición do Día da Bicicleta, evento organizado polo Concello de Frades para a promoción de hábitos saudables a través da práctica do ciclismo.
Os participantes efectuaron un percorrido de dezaseis quilómetros polo municipio con inicio e chegada en Ponte Carreira, no que atravesaron, entre outros lugares, as parroquias de Aiazo (con parada para repoñer forzas na área recreativa dos Pasos) e de Ledoira. Circularon sobre todo por pistas parcelarias, que polo seu bo estado de conservación e polo tráfico reducido son idóneas para esta práctica deportiva. En todo momento contaron co acompañamento dunha patrulla da Garda Civil e con efectivos de Protección Civil.


Ao remate de ruta, tivo lugar na praza de Ponte Carreira unha entrega de agasallos e de bebidas a todos os participantes. O técnico municipal de Deportes, Lino Espiñeira, describiu a mañá como “moi agradable e saudable porque os participantes disfrutaron moito do itinerario e están animados a seguir practicando deporte”, un dos principais obxectivos desta iniciativa municipal.

Ningún comentario: