Manuel Cuíña advirte ao PP que o “único criterio para o apagado das luces é paliar a bancarrota que deixaron os seus colegas de partido”
O concelleiro de Obras e Servizos lembra que outros Concellos da comarca gobernados polo Partido Popular “e que non tiveron que facer plan de axuste” tamén reduciron o alumeado
Aclara que se están a estudar as “queixas que recibimos ata o de agora, que non son tantas como dín”
Silleda, 24 de agosto de 2012. O concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña, advírtelle ao PP de Silleda, logo das súas novas críticas ao plan de aforro no alumeado público que “o único critero para o apagado das luces é palidar a bancarrota que deixaron neste Concello os seus colegas de partido”.
Cuíña lembra que xa se explicou públicamente, e a través de bandos colocados por todo o rural os criterios a seguir e reta aos populares “a dar nomes e apelidos cando falan de discrepancias persoais”. O concelleiro silledense sinala que descoñece as “numerosísimas queixas das que falan”. Así explica que das nova parroquias nas que se procedeu xa á reducción das luminarias, así coma en varios puntos da periferia de Silleda, rexistráronse ata o de agora “casos que xa están a ser estudados”. Cuíña sinala que se van a revisar unha por unha as cuestións plantexadas polos veciños que se están achegando ao Concello. “O que non imos a consentir son as críticas teledirixidas nin actitudes coma a ocorrida o outro día en Cortegada, cun veciño ameazando a integridade física dos traballadores municipais”, engade.
Así mesmo, recorda tamén que noutros concellos da comarca de Deza-Tabeirós como Vila de Cruces ou A Estrada, gobernados polo PP, “xa se puxo en marcha un plan coma este” e que Lalín tamén ten anunciado outra iniciativa.
“E aínda por riba, nalgúns casos trátase de Concellos que non tiveron que facer plan de axuste, como nos obrigou a nós o Goberno de Madrid”, engade.
Cuíña di “botar de menos a autocrítica do PP agora que o plan de axuste ao que nos obriga o Goberno Central nos aboca a facer recortes”. Tamén lle pide aos populares que aclaren se as queixas das que se fan eco son polas “farolas que colocaron os seus nas eiras dalgúns veciños”.
Cuíña insiste en pedirlle ao portavoz do PP, José Luis Espiño, que dé nomes, cando fala de diferenzas persoais. “Que sexa valente, e que non tire a pedra e esconda a man. Que diga quen e onde”.
Entendemento da maioría e medida noutros concellos
Manuel Cuíña tamén advirte que “este goberno municipal foi consciente dende o primeiro momento de que ibamos a ter queixas”, pero matiza que á vista das parroquias onde xa se actuou e as queixas recibidas, “a gran maioría dos veciños entenden esta medida, da que por certo o PP e os seus anteriores gobernos teñen moita culpa”, engade. “Sabemos perfectamente que é unha medida impopular, pero creo que a obriga e responsabilidade do Partido Popular de Silleda pasa por apoiar ao goberno municipal nisto, sabendo que tamén teñen moita culpa e que outros concellos da comarca gobernados polo seu partido tamén a están poñendo en marcha”, engade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario