Comunicada da ANPA do CPI Camiño de Santiago en O PIno sobre as obras no colexio

O Pino, 20/08/2016 - Diante da novas que están a coñecerse estes días, a ANPA do CPI Camiño de Santiago quere facer as seguntes aclaracións:

O CPI Camiño de Santiago non ten ximnasio. Para desenvolver as clases de educación física e realizar outras actividades que deberían facerse no ximnasio que non hai, os mestres e alumnos do CPI Camiño de Santiago utilizan o vello pavillón polideportivo municipal que está ao carón do colexio.

Dito pavillón polideportivo non está en condicións de ser empregado como aula de educación física para nenos de educación primaria nin secundaria; e non o está por varias razóns: é un pavillón mal construido no que a humidade é constante; en época de chuvias –que é a maior parte do curso escolar- o piso está completamente mollado e esvaradío, eas correntes de aire que entran polas fiestras –permanentemente abertas- incrementan a sensación de frío no interior.

Tampouco dispón de material propio e axeitado para desenvolver as clases de educación física; ademáis de ter sido empregado como albergue para peregrinos, xa que está situado ao carón do Camiño Francés.

Que non é un pavillón en condicións demóstrao o feito de que fai uns poucos anos gastóuse un millón de euros en construir un novo pavillón xunto á piscina municipal.

Esto provoca que tanto alumnos coma mestres se vexan na obriga de desenvolver a asignatura de educación física nunhas condicións lamentables.

Que esta é unha eiva histórica deste colexio demóstrao o feito de que anteriores ANPAS, e tamén distintos equipos de dirección do colexio, levan demandando a construcción dun ximnasio dende fai anos. Nin é un capricho da actual ANPA nin dos actuais mestres: é unha necesidade e un dereito polo que se segue a loitar, recollendo o testemuño dos que xa o fixeron antes ca nós.

Deste xeito, nos últimos meses a directiva da ANPA tivo varias reunións co Xefe Territorial da Consellería, Indalecio Cabana, para tratar de rematar dunha vez con este asunto. Chegóuse, incluso, a facer parte do seu traballo, solicitando e presentándolle varios orzamentos de distintas empresas para acondicionar o patio cuberto do colexio e “convertelo” nun ximnasio axeitado. O custo é perfectamente asumible, xa que os orzamentos non superaban os 75000 euros.

Para facilitar aínda máis as cousas a ANPA tamén mantivo reunións con responsables da Deputación de A Coruña e co goberno municipal de O Pino, coa intención de que unha colaboración entre as tres administracións fixera máis doado que se asumise esa inversión.

É, pois, unha cuestión máis de vontade política ca de cartos, pero resulta triste dicir que das tres administracións coas que falamos foi precisamente a Deputación de A Coruña, que ao fin non ten responsabilidade algunha neste asunto, a que máis interese mostrou.

Quen realmente é responsable das infraestruturas e condicións nas que se atopa o colexio é a Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Na última reunión co Xefe Territorial, e na que estaba presente a directora do colexio, Indalecio Cabana afirmou que ía falar co goberno municipal –responsable tamén do mantemento do colexio- para levar adiante as obras de reparación do tellado (lembramos que durante o curso chovía en varias aulas do edificio da ESO), reparación da escaleira da saída de emerxencia (fai máis dun ano que os técnicos da consellería visitaron o colexio e elaboraron un informe coas deficiencias que presenta), e acondicionamento do patio cuberto para a súa conversión en ximnasio. E comprometéuse a iniciar as obras a primeiros de xullo.

Estamos a mediados de agosto e as obras nin siquera comezaron, o que para a ANPA do CPI Camiño de Santiago demostra, unha vez máis, que a palabra e compromisos do xefe territorial da consellería, Indalecio Cabana, valen pouco ou nada.

Dende a ANPA lamentamos tamén o escaso interese que o goberno municipal parece poñer neste asunto, xa que dispón de ferramentas para facer presión na consellería e defender os intereses da comunidade educativa do concello, que á fin son unha boa parte dos veciños e veciñas que o escolleron.

Por todo esto, ler na prensa que os traballos son de “escasa incidencia” e o orzamento do que se fala é de 30000 euros para todas as actuacións previstas, cando só o acondicionamento do ximansio ascendía a 75000 euros, parécenos unha bulra a toda a comunidade educativa do Concello de O Pino.

O que é unha demostración máis da prepotencia e a chulería coa que nos gobernan os nosos responsables públicos. E non dicimos incompetencia porque, en realidade, non son incompetentes: fan moi ben o seu traballo que é desatender e desartellar os servizos públicos, nomeadamente a educación e a sanidade, nas que a inversión pública é menor cada ano que pasa mentras a débeda pública se incrementa de xeito desorbitado. Un desmantelamento de servizos públicos que ten como obxectivo potenciar os privados dos que, paradóxicamente, fan uso a cotío os que gobernan o público.

Quizáis outro galo cantaría se para ser conselleiro, ou alto cargo da administración ou alcalde, fose obrigatorio facer uso dos servizos públicos e non poideran recorrer ao privado. Daquela, quizáis, sí teríamos as instalacións e medios que demandamos. 



Ningún comentario: