Ateneo de Santiago - Os luns do Ateneo: Chaves Nogales no momento preciso

Hoxe luns 30 de novembro ás 20 horas o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19 de Santiago de Compostela unha conferencia organizada pola Sección Sociedade Civil titulada “Chaves Nogales no momento preciso”, que estará impartida por Dª. María Isabel Cintas Guillén, Doutora en Filoloxía Hispánica e Catedrática de instituto.

María Isabel Cintas Guillén recuperou toda a produción narrativa e xornalística de Chaves Nogales ata a data, a través das súas edicións da Obra narrativa completa (Deputación de Sevilla, dous tomos, 1993 e 2009) e Obra periodística (Deputación de Sevilla, tres tomos, 2001 e 2013). É autora da biografía do xornalista, Chaves Nogales. El ofico de contar, Premio de biografías da Fundación Lara, 2011, así como de edicións independentes de obras do xornalista para Renacimiento (Juan Belmonte, matador de toros, Lo que ha quedado del imperio de los zares, La defensa de Madrid, Crónicas de la Guerra Civil, A sangre y fuego), Almuzara (La ciudad) e Libros del Asteroide (A sangre y fuego). Escribiu monografías sobre Chaves Nogales e colaborou en obras colectivas, artigos e congresos onde divulgou a obra do escritor.

Manuel Chaves Nogales foi un xornalista e escritor que recorreu a vida española da primeira metade do século XX. O amor á tarefa informativa mantívose nel en plenitude ata a súa morte no exilio, despois de ter escrito relatos, artigos, crónicas, reportaxes, columnas e críticas e tras ter entrevistado a reis e emperadores, presidentes do goberno, ministros, artistas, exiliados, terroristas… Viviu grandes sucesos e informou sobre eles. Percorreu o territorio español e estivo presente nos acontecementos máis significativos da Segunda República. Os temas que destacan no seu amplo abanico de intereses informativos son a revolución rusa e as súas consecuencias e a presenza no panorama europeo do nazismo e o fascismo.

Ningún comentario: