O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra recolleu onte a decisión adoptada pola Xunta de Goberno Local o pasado día 9 de novembro pola cal se regula que as feiras dos días 3 e 18 se manteñan en 2016 neses mesmos días, independentemente de que coincidan en domingo ou en xornada festiva.
As feiras víñanse trasladando aos días 2 e 19 de cada mes no caso de cadrar en domingo, non obstante, tal e como explicou o alcalde, Rafael Cuíña, “a medida tomouse co obxectivo de dar resposta a unha recorrente demanda de varios sectores da cidadanía, que viñan pedindo que se producise este cambio”.
O Goberno municipal considera que a decisión vai ser moi positiva para os intereses de Lalín, xa que se agarda que os domingos de feira teña lugar unha maior afluencia de público, ao poderen asistir tamén aquelas persoas que principalmente por motivos laborais non o podían facer ao seren as feiras pola semana. Preténdese, ao mesmo tempo, dinamizar as fins de semana, buscando que se incremente o consumo e aumente a actividade na vila, non só polas mañás, senón durante todo o día.
A primeira feira que se celebrará en domingo será a do próximo 3 de xaneiro, aínda que no calendario do 2016 son en total 5 as xornadas feiradas que coincidirán o último día da semana
Ningún comentario:
Publicar un comentario