Lalín - Recollida de cartón

A concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso, recordou esta mañá que o Concello de Lalín dispón dende hai tempo dun servizo de recollida de cartón de uso exclusivo por parte do sector do comercio. Para poder solicitalo, requírese dunha chamada telefónica previa, contactando co número 659 131 990. Unha vez efectuada a demanda, os establecementos deben acumular os residuos, que serán recollidos cada día a partir das 19.00 horas por operarios do servizo municipal de limpeza e recollida de lixo. Alonso explicou que “os comerciantes teñen coñecemento da existencia desta prestación” e fai un chamamento “a que se faga uso do mesmo para evitar así que se vertan cada día grandes cantidades de cartón nos colectores”.

Celia Alonso tamén recalcou, neste senso, que “os colectores son de toda a cidadanía, non só dos comerciantes, polo que este sector debe ser especialmente sensible co seu bo uso”. Por este motivo explicou que, “no caso de non poder utilizar o servizo de porta a porta, prégase introducir os cartóns debidamente dobrados para que ocupen o menor espazo posible, xa que se detectan moitos casos de residuos depositados incorrectamente”. 

A concelleira considera que “non é normal que se saturen deste xeito os contedores” e asegura que “en ningún momento se deixou de prestar o servizo en ningún punto de Lalín, senón que se segue efectuando, como é habitual, dúas veces á semana”.

Ningún comentario: