O martes 1 de decembro celebrouse no IES do Milladoiro a “I Xornada: A convivencia, responsabilidade de todas e todos”, que se enmarca dentro do que é unha das principais liñas de traballo do Instituto como centro educativo: a convivencia. Convivencia que é un valor en se mesma e que, ao mesmo tempo, repercute nunha mellora dos resultados académicos.
O obxectivo do encontro era a consolidación dun espazo de colaboración para compartir informacións e rendabilizar esforzos ao redor do coñecemento das realidades sociais, a prevención e a intervención ante situacións conflitivas. Coñecemento, prevención e intervención naquelas realidades sociais que están presentes no Milladoiro e no Instituto, no Instituto e no Milladoiro. Son cuestións todas elas que encaixan perfectamente na Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015/2012, aprobada recentemente pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
Nesta I Xornada sobre convivencia asistiron respresentantes de todas as institucións coas que o IES do Milladoiro está a traballar: Anpa do IES do Milladoiro, Anpa Ágora do IES do Milladoiro, Centro de Saúde, Alcaldía de Ames, Concellería de Servizos Sociais de Ames. Concellería de Educación de Ames, Policía Local de Ames, Guarda Civil, Inspección educativa e Igaxes3, ademais de profesorado do centro. Tamén estivo presente Andrés González Bellido, orientador do Institut Front Maritim (Barcelona) e creador do Programa Titoría entre Iguais (TEI), que se desenvolve no Instituto do Milladoiro dende o curso 2014/2015. González Bellido compartiu co alumnado de 3º da ESO unha sesión de análise do TEI.
As persoas que asistiron ao encontro saúdaron a iniciativa desta reunión porque pode fortalecer as canles de comunicación e, ademais, mostraron o seu interese por continuar traballando na mesma liña de colaboración. Analizaron as experiencias compartidas para mellorar a convivencia no IES do Milladoiro e, como consecuencia, na propia localidade. Esas experiencias agrupáronse en varias liñas de traballo como son o desenvolvemento persoal, a coordinación coas familias, a prevención do acoso escolar e do ciberacoso, a igualdade, a educación para a saúde, o ocio saudable, a interculturalidade e a educación para a cidadanía global, o rendemento escolar e a orientación profesional. A acción titorial, os programas de habilidades sociais, o desenvolvemento de estratexias de mediación e cibermediación, a posta en marcha de programas de reforzo escolar, a cooperación para desenvolver actividades deportivas, os obradorios de prevención de drogas, a Olimpíada da Convivencia, a educación afectivo-sexual… son algunhas das experiencias que xa se están a desenvolver e que axudan á consolidación dun ambiente escolar amigable.
Na súa intervención, Andrés González Bellido destacou a importancia de que un centro como o IES do Milladoiro abra as súas portas á poboación na que realiza o seu labor porque supón entender a educación dende unha óptica comunitaria. Salientou, por outra banda, a necesidade de promover proxectos nos que o estudantado se convirta en protagonista, o que é unha garantía de éxito no proceso de mellora da convivencia. Tamén animou ás persoas presentes a facer un esforzo por visibilizar este tipo de reunións na que todos os axentes sociais que interveñen no ensino están presentes.
A xuntanza rematou coa convocatoria doutra nova reunión, o 2 de febrero, para afondar nas liñas de traballo existentes e estudar a posibilidade de explorar novas vías de comunicación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario