A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Lalín asinou esta semana un convenio de colaboración coa Asociación Galega de Técnicos de Emerxencias Sanitarias, co obxectivo de poñer en común técnicas, coñecementos, experiencias e recursos docentes, posto que as dúas entidades comparten moitos dos seus obxectivos, finalidades e criterios de traballo.
O documento selouse nunha xuntanza na que participaron por parte da Agrupación de Voluntarios, Víctor Blanco, como xefe do servizo e Manuel Quintana. En representación da Asociación Galega de Técnicos de Emerxencias Sanitarias estivo José Iglesias Casal e por parte do Concello acudiu o tenente de alcalde, Nicolás González Casares.
A idea desta colaboración parte da base de que o futuro da prevención no ámbito da protección civil e as emerxencias está ligado precisamente á colaboración entre entidades que se dedican habitualmente á xestión das emerxencias. Deste xeito, as entidades comprometéronse a darse apoio mutuo na docencia, na investigación e no desenvolvemento e innovación de novas técnicas e materiais, así como en calquera outro avance en ditas áreas de coñecemento, que comparten sen limitacións.
En segundo lugar acordoouse validar accións de formación expedidas por calquera dos dous entes e desenvolver de xeito coordinado accións de formación e actualización profesional dos respectivos equipos técnicos docentes. O convenio non implica dotación orzamentaria algunha para ningunha das entidades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario