Lalín - Axuda da Deputación para un local e unha pista de atletismo

O concello de Lalín recibiu a comunicación da concesión dunha subvención de 56.703,12 euros con cargo ao Plan Provincial de Obras e Servizos 2015 da Deputación de Pontevedra, que serán destinados ao acondicionamento dun local nos baixos da grada do estadio Manuel Anxo Cortizo e á execución dunha pista de atletismo cuberta nun dos laterais sen uso do Lalín Arena. 

O anterior executivo solicitou no pasado mes de maio unha axuda provincial para a realización da obra “Acondicionamento do campo de Muimenta”, non obstante, tal e como se explica dende a Deputación, a subvención nunca chegou a concederse, entre outros motivos, porque “o Concello nunca chegou a acreditar a titularidade das instalacións onde se proxecta a actuación”. Deste xeito, o actual Goberno presentou un escrito con posterioridade no que se expresou a renuncia á execución do investimento anterior, reformulando a petición para a realización das obras que agora se van executar. 

Tal e como indicou o tenente de alcalde e concelleiro de Deporte, Nicolás González Casares, “a decisión de modificar o proxecto tomouse ao considerar que o Cortizo pode compatibilizar o uso para fútbol e para rugby, polo que non se fai necesario acondicionar outro campo”. Neste senso, as novas actuacións dan resposta a dúas vellas demandas de dous colectivos deportivos do concello.

O proxecto da pista de atletismo cuberta nun dos laterais en desuso do Arena executarase logo de ter establecido contactos co Balonmán Lalín e coa Escola de Atletismo. É de sinxela construción, pois consiste unicamente no saneamento do lugar e no pintado das pistas con material antideslizante. As obras completaranse coa colocación dunha porta corrediza que separe este espazo da zona colindante que o Club Balonmán Lalín utiliza habitualmente de ximnasio. A pista salvará a carencia dun espazo cuberto solicitado hai tempo polos atletas lalinense para poder exercitarse nos días de tempo inestable. Segundo indicou González Casares, terá un orzamento previsto de entre 6.000 e 7.000 euros.

Por outra banda, o orzamento restante destinarase ao acondicionamento da grada do Anxo Cortizo para dotala dun local que será usado polo Club Deportivo Lalín. Aínda que a oposición plantexou tempo atrás que o mal estado da bancada -debido a unha suposta aluminose- impediría a súa utilización para este fin, novos informes dos técnicos municipais afirmaron a inexistencia deste mal e déronlle luz verde de forma definitiva ao proxecto. As obras, que deben estar xustificadas ao remate do ano 2016, comezarán nun prazo aproximado de 15 días. 

Plan de práctica laboral

A Concelleira de Emprego, Katia Procino, anunciou que o Concello de Lalín solicitará a participación no Plan de Práctica Laboral que a Deputación de Pontevedra poñerá en marcha no ano 2016. A iniciativa vai dirixida a titulados universitarios e de formación profesional, coa finalidade de promover e completar a súa formación académica. As bolsas terán unha remuneración de 700 ou 800 euros ao mes, durante 6 meses, coa posibilidade dunha prórroga doutros 6. O Concello de Lalín optará á concesión de 4 bolseiros, número máximo que se lle oferta aos municipios de entre 15 mil e 50 mil habitantes.

Ningún comentario: