IES Milladoiro - I Xornada: A convivencia responsabilidade de todos e todas

Unha das liñas de traballo fundamentais do IES do Milladoiro é a convivencia. Entendemos que unha boa convivencia escolar mellora os resultados académicos e produce unha maior satisfacción da comunidade educativa ao mesmo tempo que, a pequena escala, contribúe a mellorar a convivencia na localidade na que o centro desenvolve a súa actividade: O Milladoiro.

Por esta razón, o IES do Milladoiro convoca a “I Xornada: A convivencia, responsabilidade de todas e todos”. O seu obxectivo é poñer as bases dun espazo de colaboración para compartir informacións e rendabilizar esforzos ao redor do coñecemento das realidades sociais, a prevención e a intervención ante situacións conflitivas. Coñecemento, prevención e intervención naquelas realidades sociais que están presentes no Milladoiro e no Instituto, no Instituto e no Milladoiro: fenómenos de interculturalidade e multiculturalidade, hábitos de vida saudable, educación afectiva, uso das redes sociais, novos modelos familiares, etc. Son cuestións todas elas que encaixan perfectamente na Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015/2012, aprobada recentemente pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

A Xornada celebrarase no Instituto na mañá do vindeiro martes, 1 de decembro. Está confirmada a asistencia de todas as institucións coas que o IES do Milladoiro está a traballar no eido da convivencia: Anpa do IES do Milladoiro, Anpa Ágora do IES do Milladoiro, Centro de Saúde, Concello de Ames, Garda Civil, Inspección educativa e Igaxes3, ademais de profesorado do centro.

Asistirá a esta xornada Andrés González Bellido, orientador do Institut Front Maritim (Barcelona) e creador do Programa Titoría entre Iguais (TEI), que se desenvolve no Instituto do Milladoiro dende o curso 2014/2015. Andrés González Bellido, ademais, compartirá con alumnado de 3º da ESO unha sesión de formación do programa TEI.
Para máis información, non dubiden en poñerse en contacto connosco.

Ningún comentario: