Lalin - Resposta do alcalde sobre a rolda leste

O alcalde de Lalín acusou hoxe aos membros do Partido Popular de “total e absoluta falta de vergoña política” polas súas críticas cara o proxecto de mellora da Rolda Leste, que vai executar o Goberno municipal e no que está previsto que se invistan máis de 800 mil euros procedentes de fondos da Deputación provincial. “Non contentos con deixar esta estrada nun estado lamentable”, afirma Rafael Cuíña, “agora tamén teñen o tremendo descaro de criticar as xestións que estamos a realizar dende o Concello para darlle solución a un dos grandes problemas que nos deixou José Crespo”. 

“Farto” das declaracións dos populares sobre este tema, o rexedor esíxelle ao PP “que pida perdón pola vergoñenta desfeita da Rolda Leste”. “Só desa maneira”, di Cuíña, “poderán recuperar unha mínima parte da dignidade e do respecto público que perden cada vez que abren a boca para facer críticas que non se sosteñen e que o único que buscan é tapar unha xestión nefasta que aínda nos segue a custar millóns de euros a todos os lalinenses”. 

No catálogo de desastres políticos que deixou o Partido Popular en Lalín, tamén se contan “outras dúas desfeitas”: a do parking Europa e a do paseo do Pontiñas. “Tivo que ser este Goberno o que lle puxese solución en tempo récord e de maneira moi beneficiosa para o Concello a estes dous problemas herdados”, lembra o alcalde. “No caso do parking Europa”, explica Cuíña, “conseguimos rebaixar en máis de 400 mil euros o acordo de compra que tiña o PP; un partido no que, por certo, ninguén asumiu aínda responsabilidades por este tema”. Con respecto ao paseo do Pontiñas, o rexedor recorda que “por fin se está adecentando este espazo, a obra máis importante da historia de Lalín, despois de anos de lamentable abandono por parte do anterior goberno”. 

En definitiva, Rafael Cuíña insiste en que son “moitas cousas e moi graves” polas que debería pedir perdón o Partido Popular, “pero non a min, senón a todos os lalinenses que están a padecer as consecuencias dun xeito de facer política afastado da xente, con obras de faraónicas que restaron recursos para axudar a todos os que o están a pasar mal”. O alcalde contrapón este modelo “desnortado”, co que está a aplicar “este Goberno de progreso, no que a prioridade, como se vai ver nos orzamentos que presentaremos nos próximos días, son as políticas sociais e as necesidades básicas das persoas”. Por iso, conclúe Rafael Cuíña, “só cando o Partido Popular pida desculpas e recoñeza os erros que cometeron poderemos empezar a falar con eles de temas importantes para o futuro de Lalín.

Ningún comentario: