Lalín - Manuel Jabois pregoeiro da Feira do Cocido

A edición número 48 da Feira do Cocido, que se celebrará en Lalín o domingo, 31 de xaneiro, terá como pregoeiro ao xornalista galego Manuel Jabois. Así o vén de anunciar o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, que onte aproveitou a súa viaxe a Madrid para facerlle a proposta ao periodista. Cuíña salientou que Manuel Jabois aceptou a súa petición “sen dubidalo nin un segundo” e que colaborará coa organización da Feira do Cocido de maneira desinteresada e non cobrará “nin un só céntimo por ser o próximo pregoeiro”. 

Para o rexedor é un xesto “moi de agradecer tendo en conta que Manuel Jabois é unha das grandes voces do novo xornalismo español e unha das firmas de cabeceira do diario “El País”, o periódico de maior tirada do Estado”. Nesta liña, Cuíña destaca que “a súa presenza contribuirá a darlle prestixio e proxección á Feira e a elevar a nómina de grandes xornalistas que xa foron pregoeiros deste evento”.

Manuel Jabois naceu en 1978 en Sanxenxo, Pontevedra. Foi alí precisamente onde a finais de 1998 iniciou a súa relación co xornalismo, como correspondente do “Diario de Pontevedra”. Ao longo da súa traxectoria, centrada fundamentalmente no periodismo escrito, tamén traballou e colaborou en outras publicacións como “De Luns a Venres”, “El Progreso” ou “El Mundo”. 

Na actualidade, dende xaneiro deste mesmo ano, é unha das firmas máis destacadas do periódico “El País”, onde analiza a información política, cultural, deportiva e social con un estilo caracterizado por unha visión retranqueira e desenfadada da actualidade. Como xornalista tamén colabora na revista “Jot Down Magazine” ou nas tertulias de “La Sexta” e “Onda Cero”.

Como escritor ten publicados varios libros, entre os que están a novela “A estación violenta”; volumes nos que recompila algúns dos seus artigos, como “Irse a Madrid e outras columnas”; e ensaios de corte biográfico sobre fútbol, como “Grupo Salvaje”. 

No ano 2003 gañou a edición número 24 do “Premio Nacional de Periodismo Julio Camba”, un dos máis importantes do xornalismo no Estado español e que, ademais, leva o nome dun dos seus grandes referentes xornalísticos e estilísticos, o tamén galego Julio Camba.

Ningún comentario: