O grupo Chévere estrea este venres día 22 no Auditorio da Ramallosa, en Teo, Eurozone, un panfleto teatral sobre a crise da Eurozona interpetado polos actores Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Manuel Cortés, Mónica García, Arantza Villar, Iván Marcos, Pepe Penabade e Borja Fernández, que se representará de venres a domingo ata o día 10 de marzo.
Así o explicou o director artístico de Chévere, Xesús Ron, nunha rolda de prensa na que tamén participou o alcalde de Teo, Martiño Noriega, que ofreceu datos sobre as actividades desenvolvidas por Chévere como compañía residente en Teo durante o ano 2012, un periodo no que a oferta cultural xerada por esta compañía contou cun total de 3.700 espectadores.
Sobre Eurozone
En escena: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Manuel Cortés, Mónica García, Arantza Villar, Iván Marcos, Pepe Penabade, Borja Fernández. Dirección e dramaturxia: Xron. Escrita: Manuel Cortés. Iluminación: Fidel Vázquez. Espazo sonoro: Xacobe Martínez Antelo. Espazo escénico: Javier Domingo Ballestín e Chévere. Coreografía, loita: Iván Marcos. Espazo audiovisal: Cuco Pino/Quadra producións. Construción escenografía: Enrique Martínez. Maquillaxe: Fany Bello. Produción: Juancho Gianzo. Comunicación: Xana García. Deseño gráfico: Fausto Isorna. Deseño web: A Navalla Suíza. Unha produción Chévere, compañía residente no concello de Teo. Apoio: Agadic, Concello de Teo.
Eurozone é o novo traballo para o 2013, un panfleto teatral sobre a crise da Eurozona. Un auténtico pastiche no que se mesturan as referencias directas a Reservoir Dogs (a mítica primeira pelicula de Tarantino), á linguaxe da publicidade, aos casinos online, aos bailes de salón e ao argot económico que asulaga as nosas vidas. Eurozone é unha produción ambiciosa para tempos de crise, unha obra coral con 8 actores e actrices en escena. Un traballo de creación colectiva que se foi artellando desde cero ao longo de dous meses de ensaios. Un proceso que estivo aberto a calquera persoa curiosa a través de Redenasa, onde permanecen visibles os diarios de todo o equipo.
Eurozone é unha farsa sobre a crise da zona euro, sobre o fin da idea de Europa tal e como a entendemos ata agora, sobre un sistema democrático deslexitimado que só conta coa cidadanía para ir votar cada certo tempo, sobre unha clase dirixente que só exerce o poder no seu propio beneficio, sobre o secuestro da democracia por parte do sector financeiro. Eurozone alimentouse da nosa perplexidade como cidadáns, da nosa impotencia, da nosa carraxe. Algo que queremos compartir, por iso saimos a escena cada noite.
Eurozone é un achegamento ao gran atraco especulativo ao máis puro estilo Tarantino e co referente directo de Reservoir Dogs. Queremos establecer un diálogo entre a nosa peza e Reservoir Dogs, contar ao público cales poden ser os paralelismos entre os personaxes de Reservoir Dogs e os principais líderes político-económicos de EUROPA, esas persoas que están decidindo desde un despacho o noso futuro. Poñamos que un grupo de persoas que representan á clase dirixente europea acaban de cometer o atraco do século. E imaxinemos que, contra todo pronóstico, algo saiu mal. Entón collemos a esta xentiña e a metemos nun deses edificios de autor, monumentais e inútiles, que tanto lles gustan, unha cidade da cultura, unha cidade das artes ou simplemente un casino sen inaugurar... E facemos estoupar as súas fráxiles relacións, e intentamos comprender a lóxica das súas decisións ou retratar a súa soedade utilizando contra eles a nosa rabia e a nosa indignación. Quen é o señor azul da política europea? Quen é o señor marrón das finanzas? Quen é o señor branco da diplomacia?
Datos prácticos
Eurozone representarase no Auditorio da Ramallosa, en Teo, entre o 22 de febreiro e o 10 de marzo, de venres a domingo. As funcións serán ás 21.30 h. venres e sábado e ás 19.00 h. os domingos.
As entradas están á venda en http://redenasa.tv e nos bares: a Santa Sede, na Ramallosa, A Senra, en Pontevea, A Capilla en Calo e no bar Loncho en Casalonga, así como na billeteira do auditorio unha hora antes de cada función.
Para os que veñan de Santiago, os venres ofrecerase a posibilidade de acudir en autobús. Neste caso resulta imprescindible mercar a entrada con autobús por adiantado e amosar o resgardo impreso. Este tipo de entradas véndense exclusivamente en http://redenasa.tv.
Sobre o proxecto de residencia de Chévere no Concello de Teo
Máis de 3.700 persoas acudiron en total ás 29 funcións organizadas polo Grupo Chévere como parte do seu programa de residencia no Concello de Teo, que principiou no ano 2013. O grao de aceptación destas actividades polos veciños queda reflectido no alto índice de ocupación da sala durante estes espectáculos, que foi dun 79%, e na media de participantes por actividade, de 129 persoas.
Este programa de residencia teatral é unha iniciativa innovadora en Galicia, tanto dende o punto de vista cultural como dende o da xestión público-privada. A colaboración establecida entre unha compañía de teatro e unha administración local ofrece beneficios non só ás dúas entidades participantes, senón tamén á veciñanza. A compañía obtén un espazo de traballo e un apoio económico a medio prazo que lle permiten manter a estabilidade da súa actividade profesional e o concello obtén unha mellora no equipamento cultural, un incremento substancial da actividade cultural e da súa calidade artística e un enriquecemento da súa oferta cultural. A veciñanza obtén a posibilidade de acceder a producións artísticas e culturais que antes non chegaban ao concello.
Como parte do seu programa de residencia teatral, o Grupo Chévere desprazouse ademais a outros puntos do concello, para ofrecer actividades a asociacións veciñais como a Asociación A Mámoa de Luou, a Asociación Recreativo Cultural de Calo e Pontevella de Pontevea e mantivo un contacto e colaboración constantes co IES de Cacheiras, co que se traballou para a posta en marcha de actividades como a proxección da longametraxe “Crebinsky”, un encontro-obradoiro sobre a obra Citizen, un concerto didáctico de jazz e un obradoiro de Danza contemporánea.Entre as actividades que se realizaron durante estes meses cóntanse entre outras: tres Ultranoiteos, dous obradoiros do espectador, a representación da obra Citizen Total, o campamento de verán Berberechévere e dous ciclos monográficos: Jazz en Teo, dedicado ao jazz feito en Galicia, e Danza en Teo, que para o que se programaron actuacións, iniciativas didácticas, faladoiros e proxeccións cinematográficas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario