Brión resumo entroido - desfile gardería

MEDIO CENTENAR DE VECIÑOS E VECIÑAS DISFRUTARON DO DESFILE DE ENTROIDO DOS NENOS E NENAS DA GARDERÍA MUNICIPAL DE BRIÓN A temática deste ano foi “A granxa”, polo que os pequenos ían caracterizados de pitos, ovellas e vacas con disfraces feitos con material reciclable 


Medio centenar de veciños e veciñas de Brión disfrutaron esta mañá do tradicional desfile de entroido dos meniños da gardería municipal de Brión, de entre 2 e 3 anos de idade. A néboa e o frío non amedrentaron aos pais de nais destes pequenos, que desfilaron cos seus disfraces de pitos, ovellas e vacas. 

Uns disfraces de entroido feitos con materiais reciclables e que foron elaborados durante a pasada semana polos propios cativos, coa axuda dos seus mestres e dos seus familiares. Os pequeniños da Aula 4 ían caracterizados de pitos, feitos cuns plásticos amarelos e uns gorros nos que levaban os ollos e o pico. Os rapaces da Aula 5 ían disfrazados de ovellas, cunhas borlas de la sobre uns plásticos pintados por eles da súa cor preferida, pois a idea orixinal de facer ovellas negras e brancas foi rexeitada polos propios cativos, que optaron por un rabaño multicolor. 

Finalmente, os máis maiores, os da Aula 6, chegaron caracterizados de vacas, uns divertidos disfraces entre os que destacaba a orixinalidade dos tetos das vacas, que non eran máis que guantes de goma inchados. Para mañá venres, 8 de febreiro, queda a gran Festa de Entroido, na que os nenos e nenas virán disfrazados da casa. A festa terá lugar a partir das 10:00 horas na gardería municipal e a ela están invitados todos os pais e nais que o desexen, sempre que acudan disfrazados.


Ningún comentario: