O pleno desbotou a moción do PP sobre inundacións nunha leira de Goiáns porque o Concello actuou de acordo co Plan de Concentración Parcelaria e porque así o pediron todos os veciños desa aldea
O pleno insta á Policía Local a incrementar a vixilancia sobre as pistas de monte e sancionar a aquelas empresas que as estraguen
A unanimidade caracterizou o pleno municipal de febreiro en Brión, pois todas as propostas da orde do día foron aprobadas co apoio de todos os grupos políticos coa única excepción dunha moción urxente e “in voce” presentada polo PP, que foi rexeitada. Así, o pleno municipal aprobou o inventario de bens do Concello de Brión a data 31 de decembro de 2012 que ascende a 34.333.147 euros, un 0,4% máis que no ano anterior.
Os 128.894 euros nos que se incrementou o inventario municipal brionés proceden na súa maior parte de obras, como a supresión de fosas sépticas en Romarís, as obras de saneamento realizadas en Nináns dentro do PEIM 2010, a modificación da AC-300, a habilitación dun almacén para o banco de alimentos ou pequenas melloras realizadas na escola de música e no polideportivo municipal de Pedrouzos. Durante o último ano, non houbo baixa ningunha.
Así mesmo, o pleno aprobou por unanimidade un recoñecemento extraordinario de crédito de 60.138 euros para abonar facturas e liquidacións de 2012 e que non foron aplicadas no exercicio anterior, na súa maior parte porque se corresponden con facturas por servizos en 2012 e que chegaron ao Concello en 2013. Máis da metade desas facturas correspóndese co pago da factura eléctrica de decembro de 2012.
Finalmente, o pleno deu o visto bo unánime a un expediente de modificación de créditos de 22.263 euros para pagar o certificado de liquidación da obra de construción da piscina cuberta de Pedrouzos. Uns cartos que serán aboados grazas ás baixas noutras partidas, polo que se cumpre co principio de estabilidade orzamentaria.
Inundacións en Goiáns
Na quenda de mocións, o pleno admitiu a trámite unha moción urxente e presentada “in voce” (sen ningún tipo de documento escrito) polo voceiro do PP, Carlos Tomé, sobre unhas inundacións acaecidas en Goiáns, a carón da estrada Amañecida-Cornanda, o pasado mes de xaneiro. O voceiro popular denunciaba que “se puxo area na cuneta e noutra zona se modificou con pedras e a auga vai á pista e ás fincas. O Concello sabe disto porque se presentaron dous escritos”, polo que pediu que “se o Concello foi quen puxo a area, que a retire porque non se poden inundar unhas fincas”.
O alcalde de Brión, Xosé Luís García, explicou que a actuación do Concello de Brión é a indicada polo Plan de Concentración Parcelaria e que o seu obxectivo é evitar que a auga poida estragar a estrada que vai á aldea de Goiáns. “Falei con todos os veciños e pódolle dicir que están todos de acordo porque así foi como estivo sempre”, explicou Xosé Luís García.
Sobre os escritos presentados por unha veciña, non residente na zona, o alcalde de Brión explicou que “todos os veciños queren que quede como está, que é como estivo sempre e tal e como indica o Plan de Concentración Parcelaria. Se esta veciña quere cambialo, o único organismo competente é Augas de Galicia pois o Concello só está cumprindo o que di o Plan de Concentración Parcelaria”. Despois dun longo debate sobre os propios planos da aldea, Xosé Luís García solicitoulle a Carlos Tomé que “acepte como verdade o que din os veciños, porque todos din o mesmo, menos unha. E se non quere facerlles caso, pois vaia a Augas de Galicia para pedir que o modifiquen”.
Pola súa banda, o voceiro do BNG, Xesús Pena, non apoiou a moción popular xa que “falei cos veciños e a auga foi toda a vida por ese sitio e non se pode cambiar alegremente”. A moción foi rexeitada cos 9 votos en contra de PSOE e BNG fronte aos 4 a favor do PP.
Pistas do monte
Finalmente, o pleno municipal acordou por unanimidade instar á Policía Local a que incremente a vixilancia sobre as pistas do monte e sancione a aquelas empresas que as estraguen. Unha decisión unánime e xurdida a raíz dunha moción do BNG, que pedía ese seguimento ás pistas e pedía unha ordenanza municipal sobre as talas e uso de maquinaria pesada sobre todas as pistas de monte.
O alcalde brionés explicou que tal ordenanza non podería actuar sobre todas as pistas, senón só nas da titularidade municipal, polo que quedarían fóra aquelas de uso público ou nas que exista dereito de paso, por exemplo. Sen embargo, indicou que instará á Policía Municipal a que incremente a vixilancia e as inspeccións nas pistas, actuando e mesmo sancionando nas pistas de titularidade municipal e levantando acta nas demais, que serán remitidas á Consellería do Medio Rural.
Ningún comentario:
Publicar un comentario