Rubén Cela: “É un clamor popular nas rúas de Santiago que Ángel Currás non pode seguir como alcalde”
“A dimisión do concelleiro Vázquez Aldrei era necesaria e imprescindíbel pero non suficiente para crear un punto de inflexión na situación tan límite”
“É un clamor popular nas rúas de Santiago que Ángel Currás non pode seguir dous anos máis como alcalde e que este equipo do PP non pode seguir dous anos máis no Goberno de Santiago de Compostela”, sinalou Rubén Cela ás portas do pazo de Raxoi onde se concentrou persoal de limpeza e de conserxaría que leva dous meses sen cobrar porque o grupo de Goberno non lle asina as facturas á empresa concesionaria destes servizos.
Deste xeito, Rubén Cela amosoulles o apoio e solidariedade do BNG ás persoas congregadas que protestaron contra a situación de desgoberno municipal do PP xurdida a raíz das imputacións na operación e que repercuten na xestión diaria da actividade municipal. “Dende o BNG queremos trasladarlle o noso máximo apoio ás traballadoras e traballadores da empresa concesionaria dos servizos de limpeza e de bedeis dos colexios públicos de Santiago concentrados ás portas do Pazo de Raxoi”, dixo. Así, cualificou de “esperpéntica e lamentábel” a situación que vive o Concello de Santiago, “o reflexo e a consecuencia duns feitos ética e moralmente desprezábeis que, por culpa da mala xestión do PP e do mal facer do grupo de goberno, fan que haxa 55 familias en Santiago que traballan regularmente pero que non cobran por culpa de que unha concelleira non quixo asinar a conformación dunhas facturas por un traballo solicitado e executado”, explicou Rubén Cela.
“Esta debera ser a principal prioridade do grupo de Goberno, dános igual que sexa coa modificación do orzamento prorrogado de 2012 ou contemplando no orzamento de 2013 pero o grupo de Goberno do PP está obrigado a darlle unha solución a estas familias que seguen sen cobrar regularmente por culpa da súa mala xestión”, engadiu.
A dimisión de Vázquez Aldrey non é suficiente, a situación é límite
Ademais, fixo referencia á dimisión do concelleiro do PP Vázquez Aldrey, “era o único que se podía agardar, cremos que era necesaria e imprescindíbel pero non suficiente para crear un punto de inflexión na situación tan límite e tan grave”.
“Non nos valen as declaracións do presidente do PP, Núñez Feijóo, falando de que a situación de Santiago non é normal; da presidenta do Parlamento de Galiza, Pilar Rojo, dicindo que a situación de Santiago é lamentábel; do conselleiro Agustín Hernández, pedindo desculpas á cidadanía de Santiago; nin da actual portavoz do PP, Paula Prado, preocupada agora pola imaxe de Santiago”, indicou Rubén Cela. “O que non nos parece normal é que a dirección do PP siga sen tomar ningunha medida efectiva respecto ao que está pasando en Santiago e que Feijóo siga a mirar para outro lado”, engadiu o portavoz municipal nacionalista.
“A única decisión que tomou Feijóo até o momento foi ratificar a Ángel Currás como alcalde da cidade e o BNG cre que non pode estar nin un minuto máis á fronte desta Alcaldía, nin este Goberno á fronte dos designios de Santiago de Compostela”, sinalou.
Esta é unha situación “absolutamente insostíbel no tempo e, se legalmente é posíbel, deberían convocar eleccións anticipadas e, mentres iso non sexa posíbel, se debe proceder á dimisión do conxunto do grupo de goberno do PP de Santiago, porque non está lexitimado para gobernar e demostra que tampouco está capacitado para xestionar o día a día de Santiago”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario