Xente de Rois - Demanda de cambio de hora dos plenos

Para incentivar a asistencia dos veciños aos plenos, onte tres agrupacións con representación no concello de Rois, BNG, PSdG e Xente de Rois, rexistraron unha moción para cambiar o día e hora do Pleno Ordinario e Extraordinario. Esta moción será defendida no Pleno Ordinario que se celebrará o próximo 7 de marzo.

O Pleno Ordinario de Rois celébrase actualmente o primeiro luns hábil de cada mes impar ás 09:30 horas. O Pleno Extraordinario, cando convoca Alcadía, polo menos os dous que se realizaron ata o día de hoxe, celébrase á mesma hora que o Ordinario, “un horario, en calquera caso, que non facilita a asistencia dos veciños, xa que coindice en xeral con obrigas laborais e doutro tipo”, declaran as agrupacións asinantes da moción.

Acompañando esta petición presentouse o apoio, con cadansúa sinatura, de 482 persoas maiores de idade censadas en Rois. “Hai que facer todo o posible por facilitarlles a asistencia os veciños, xa que é no Pleno onde se exerce a potestade normativa a nivel local”, apostillan os promotores da moción.

Ningún comentario: