Cando levan transcorridos tres meses do 2016, o goberno municipal de Teo (Anova e PSOE) leva ao pleno do xoves unha proposta de orzamentos que en ningún momento pretenderon someter ao diálogo cos outros grupos municipais para discutir propostas e acadar o maior consenso posíbel.
Esta proposta unilateral de orzamentos é considerada pola interventora municipal como irreal ao non xustificar unha parte dos ingresos. Os servizos técnicos poñen de manifesto que na proposta sobreestímanse os ingresos, o que vai conducir a un desequilibrio entre gastos e ingresos con todas as consecuencias negativas que ten. Así, por un lado, deixa en cuestión as inversións previstas e a financiación dos servizos, e, por outro lado, aboca ao Concello a volver formular un novo plan económico-financeiro. Así pois, Anova e PSOE decidiron elaborar unha proposta de orzamentos que o xoves sairán adiante cun déficit inicial de máis de medio millón de euros, e que tal e como indica intervención van traer futuros e contundentes axustes.
Entre os ingresos previstos nos orzamentos chaman a atención os 871.300 euros que a alcaldía imputa ao proceso de regularización catastral, e que supoñen case un 40% máis que nos últimos orzamentos. Así pois, tres de cada dez euros de incremento do orzamento proveñen do aumento da contribución para os veciños e veciñas de Teo.
Entre os programas de gastos queda en evidencia que para o goberno municipal non é unha prioridade o fomento do emprego pois unicamente representa o 0,9% do total do orzamento.
Para o BNG estes orzamentos ademais de situar Teo ás portas dun novo plan de saneamento, seguen sen atender problemas importantes para os veciños e veciñas de Teo como é a seguridade viaria. Por isto desde o Bloque demandamos unha vez máis o cumprimento do acordo plenario de xaneiro de 2013, incorporando aos orzamentos un Plan integral de Seguridade Viaria e de Humanización do Concello de Teo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario