Ses presenta en Compostela o seu terceiro disco "Tronzar os valos"

María Xosé Silvar, Ses, presenta o seu terceiro disco, ‘Tronzar os valos’ en dous concertos no Teatro Principal esta semana. Este último traballo chega despois dos tamén exitosos ‘Admirando a condición’ e ‘Co xenio destrozado’. Os concertos serán hoxe mércores e de novo o xoves, ambos ás 21.00 h. As entradas para os dous concertos están esgotadas desde hai días.

Os valos desaparecen e as rúas deixan de estar prohibidas no novo traballo discográfico de Ses. Rockeira e cantareira, comprometida e libre, sentimental e enérxica. Estamos en tempo de “Tronzar os valos”, de responder con música e ideas, con ilusión contra abatemento. Estamos en tempo de Ses e do terceiro disco dunha das nosas máis singulares e poderosas voces.

Doce cancións nas que adentrarse no universo Ses. Porque a Ses de “Tronzar os valos” é máis Ses que nunca. Isto significa a suma da potencia do rock, o ritmo e a mensaxe da canción latinoamericana, a tradición que leva nas veas e a súa intensa condición de cantora que impregna a maneira directa de se achegar ao público. 

Regresa Ses aos escenarios coa enerxía do vento e cancións cheas de verdade e forza. Ses herda a actitude valente e honesta dos grandes nomes cos que comparte condición de cantautora e decide alentar coa súa música a enerxía da forza colectiva que pula por un tempo novo. Cancións para revoltarse e disentir contra o estado de cousas dun sistema que amarra e inmobiliza.

Despois do éxito de “Admirando a condición” e “Co xenio destrozado”, o terceiro disco de Ses, “Tronzar os valos”, confirma unha forma de cantar singular, a flexibilidade de contorsionista dunha voz que se adapta a múltiples rexistros: suave como poucas nas baladas e desgarradora cando se impón a súa vea blues e rock.

Ningún comentario: