O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza para o mes de abril unha completa programación cultural adicándolle especial atención á conmemoración do Día do Libro.
Para comezar o mes, este venres día 1, haberá unha actividade organizada polo club de lectura ‘Arzúa Lee’ na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro. Trátase da presentación do libro Las huellas de la memoria de Marga Rosende. O acto comezará ás 20:45 horas, contará coa presencia da propia autora, estará presentado por José Manuel Pampín e será aberto a todos os públicos.
A biblioteca pública será tamén o escenario no que, o venres 8, se desenvolva unha sesión de contacontos a cargo de Miguel Alonso ás doce do mediodía para escolares do municipio.
O Departamento de Cultura tamén ten prevista a organización do ciclo de cinema “Libros de película”, será os venres 8, 15 e 22 de abril. As proxeccións serán ás sete da tarde no telecentro de Arzúa e nelas poderemos desfrutar de películas inspiradas en obras literarias.
O primeiro filme proxectarase o venres, día 8 de abril. Marte é a película escollida para abrir o ciclo, a segunda proxección será a de 50 sombras de Grey o venres 15 e a terceira e última Pan, viaje a Nunca Jamás o 22 de abril. Ao final de cada filme haberá un sorteo de agasallos entre todos os asistentes.
A programación complétase con música e teatro. A música correrá a cargo da Asociación O Bringuelo que organiza un festival para o domingo 10 ás seis da tarde na Casa da Cultura. E o teatro virá da man da compañía ‘Caramuxo Teatro’ que representará en Arzúa un espectáculo de variedades para público infantil e familiar titulado Pavillón Lino o venres 29 ás seis e media da tarde no Recinto Feiral Terra do Queixo.
O concelleiro de Cultura de Arzúa, Miguel Vallo, convida a todos os veciños e veciñas do municipio “a participar neste amplo abano de actividades que programamos coa finalidade de que resulten do seu interese e que procuramos atendan aos gustos e preferencias de todos os públicos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario