O PP reunirase cos afiliados da provincia

O presidente do Partido Popular da provincia da Coruña, Diego Calvo, reafirmouse hoxe na súa idea de que, a partir de agora, os 30.000 afiliados cos que conta a súa formación ao longo da provincia da Coruña poidan participar de forma activa nas reunións comarcais que, ata agora, os dirixentes provinciais mantiñan de xeito periódico cos alcaldes e portavoces dos distintos partidos xudiciais da Coruña, Betanzos, Carballo, Ferrol, Noia, Santiago e Corcubión. 

O anuncio, realizado hoxe nun encontro de traballo mantido cos alcaldes e portavoces populares de Arzúa, Boimorto, Frades, Melide, Mesía, Ordes, Oroso, O Pino, Santiso, Toques, Tordoia, Touro e Trazo enmárcase dentro da nova política de participación que o recentemente elixido presidente provincial quere instaurar no partido, e coa que Calvo pretende que “todos os afiliados escoiten o que queremos facer, nos digan que queren eles, se queixen cando haxa motivos e nos acheguen as súas propostas”.

Convencido, tal e como expresou no seu discurso como presidente provincial, da importancia de incrementar e potenciar a participación dos afiliados, Calvo pretende así que todos os militantes e simpatizantes do Partido Popular da Coruña teñan unha “opinión formada sobre calquera asunto de actualidade”.

“Queremos contar con todos e cada un dos 30.000 afiliados que o partido ten na provincia e, para iso, somos conscientes de que debemos escoitalos e comunicar mellor para que a xente entenda e participe de todas as nosas decisións”, subliñou Calvo, quen recalcou que “asina punto por punto” o relatorio presentado polo PPdeG no último Congreso referente á participación da militancia no funcionamento interno do partido.

Deste xeito, “convertendo a cada afiliado nun militante activo”, o presidente provincial mostrouse “seguro e convencido” de que o Partido Popular recuperará unha proximidade cos cidadáns, que Calvo cualificou de “imprescindible” para poder coñecer e solucionar os seus problemas.

Mellor formación

Así mesmo, durante o encontro, o presidente provincial insistiu tamén na necesidade de mellorar a formación dos militantes, alcaldes e portavoces a través das áreas de traballo que o partido está a poñer en marcha sobre diferentes materias.

“É a nosa obriga como partido ofrecerlle á nosa xente as ferramentas necesarias para que poidan levar a cabo a súa labor coas maiores garantías posibles”, indicou Calvo, quen resaltou o seu compromiso para que o Partido Popular da Coruña se confirme como “unha referencia para todos os cidadáns”.

Neste sentido, o presidente provincial fixo fincapé na importante labor que deben levar a cabo os comités locais, “a mellor canle” para poder chegar e comunicarse cos afiliados.

“Se queremos facer do partido unha estrutura máis aberta e participativa, é fundamental que a comunicación sexa fluída entre todos nós, xa que así poderemos trasladar tamén as nosas ideas aos veciños”, afirmou o presidente provincial, quen asegurou que o seu novo equipo está “comprometido e ilusionado para traballar duro e recuperar a confianza dos coruñeses”.

Sobre este asunto, Diego Calvo asegurou que, tras as reunións mantidas a semana pasada cos membros do comité de dirección e cos coordinadores territoriais e de áreas, o Partido Popular da Coruña está “listo” para afrontar os próximos comicios electorais con “total garantías”. 

Ningún comentario: