A Mesa celebra 30 anos presentando nun concerto en Santiago o CD A Voz do Vento

A Sala Malatesta de Santiago (San Lourenzo) será o cenario do concerto de presentación do libro- cd A voz do vento, editado pola Mesa pola Normalización Lingüística, con poemas de Manuel María, música de Fran Amil e a tribo incomprensíbel e ilustracións de Jano.

O concerto será hoxe venres 1 de abril ás 21.30.

Con este concerto a Mesa festexará tamén 30 anos de actividade e reivindicación da lingua galega.

O acto contará coa actuación musical de Fran Amil e a tribo incomprensíbel, xunto ás músicas e músicos que colaboraron no CD e que participan doutras coñecidas bandas do panorama musical galego actual: Jasper, Paula romero, Antón Díaz, Xurxo Souto, MJ Pérez, O Leo, e Xosé Antón Bocixa. 

O libro componse de 11 temas extraídos dos libros: Terra Chá, Proba documental, Aldraxe contra a xistra, Cantos rodados para alleados e colonizados, Versos do lume e o vagalume, A luz resucitada, As lúcidas lúas do outono e Sonetos á casa de Hortas.

A tribo incomprensíbel está composta por Aarón Bouzón, Álex Bardanca, Fran Amil, Paco Cerdeira e Ricardo Casás.

Segundo sinalou o autor das músicas, Fran Amil, o libro-cd “é unha escolma de All Stars do país” e “unha especie de catálogo de historia pre-pos-bravú”. 

A voz do vento, libro–cd editado pola Mesa pola Normalización Lingüística en homenaxe a quen “foi un escritor absolutamente comprometido con Galiza e co seu idioma, tamén a través da Mesa pola Normalización Lingüística” segundo sinalou o seu presidente Marcos Maceira, “ponse música a poemas que van do intimismo ao compromiso a través de diversos estilos contemporáneos que pretenden chegar a todos os públicos mais dun xeito especial ao público xuvenil”.

Na ligazón http://www.amesa.gal/a-voz-do-vento/ pódese escoitar un dos temas, “ollei misiles con radar”. O disco está á venda en librarías e na tenda on-line da Mesa.

As entradas pódense comprar a 12€ na billeteira da Sala Malatesta ou a 10€ na venda anticipada a través da páxina http://www.amesa.gal/tenda/eventosentradas/concerto-presentacion-a-voz-do-vento/

Ningún comentario: