Chévere representa en Teo o seu novo espectáculo, Eroski paraíso

Chévere trae esta fin de semana a Teo o seu novo espectáculo, titulado Eroski Paraíso, o primeiro logo de gañar o Premio Nacional de Teatro no ano 2014. Eroski Paraíso poderase ver no Centro Sociocultural da Ramallosa, en Teo, os días 1, 2, 3, 8, 9 e 10 de abril.

Este novo traballo de Chévere estreouse o día 18 de marzo na Fábrica de Sel de Muros e poderase ver proximamente en Lalín e Coruña.

As entradas están xa á venda en http://redenasa.tv, no Café SCQ de Santiago (Rúa das Orfas, 2), no bar A Santa Sede (Ramallosa), A Senra (Pontevea) e Panificadora San José (Montouto).

Eroski Paraiso é unha peza inzada de intimidades, baseada no traballo de actor. O espectáculo propón ao público asistir como observador á rodaxe dun filme documental, superpoñendo no escenario a mirada cinematográfica e a teatral, reutilizando a linguaxe do cinema e os recursos do documental creativo para facer unha obra especificamente teatral. 

O proxecto xordeu dun proceso de investigación e documentación desenvolvido en Muros, explorando a memoria colectiva, a deriva vital e a transformación dos afectos dentro da comunidade a partir de historias reais recollidas sobre a sala de festas Paraíso, que funcionou entre 1972 e 1990, e que posteriormente se converteu nun supermercado Eroski. Un feito que se repite en moitas outras vilas e cidades de Galicia.

O espectáculo está protagonizado por Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, acompañados en escena dunha actriz moi nova, Cristina Iglesias, que foi seleccionada para este espectáculo nun obradoiro de prácticas escénicas que Chévere realizou en decembro de 2015 dirixido a actores e actrices menores de 25 anos, ao que se apuntaron máis de 40 mozos e mozas. 

Lugares e datas 
Teo: venres 1, sábado 2, venres 8 e sábado 9 de abril ás 21.30 h. Domingos 3 e 10 de abril ás 20.00 h. CSC A Ramallosa. 
Lalín: venres 13 de maio ás 21.30 h. Salón Teatro. 
Coruña: venres 20 e sábado 21 de maio ás 20.30 h. Teatro Rosalía. 

Sobre Eroski Paraíso

Eroski Paraíso é a historia de alguén que non parou en ningures para volver ao mesmo punto de partida, coma se tivara estado parado exactamente no mesmo lugar mentres todo se transformaba ao seu redor. Unha maneira como calquera outra de retratar o desarraigo que arrastrou a unha parte da nosa sociedade fóra da súa casa, da súa paisaxe, da súa lingua, dos seus costumes, dos seus afectos, da súa comunidade de orixe e da súa propia memoria. 

A obra conta a historia de Eva Martínez e Antonio Formoso, que como tantas outras parellas coñecéronse no Paraíso. Ela tiña 19 anos, el 25. Casaron ao quedar ela embarazada e a súa filla Alexandra (Álex) naceu ao ano seguinte, xusto cando pechou a Paraíso. Logo emigraron e andaron a tombos dun lado a outro deixando que a vida decidise por eles. Vintecinco anos despois, atopamos a Eva de volta en Muros coidando de seu pai e traballando no supermercado que abriron no mesmo local que ocupaba a sala de festas. Antonio segue en Canarias. Álex acaba de rematar un máster de cine en Barcelona e viaxa a Muros para facer o seu primeiro documental. Unha película sobre os seus pais, sobre a distancia que as súas vidas abriron entre aquel paraíso e este supermercado, un retrato do desarraigo vital de toda unha xeración. Eroski Paraíso é o título que lle puxo á súa película. E esta obra é un convite para asistir a unha das sesións de rodaxe.

Que hai en Eroski Paraíso?

A promesa do paraíso social

Eroski Paraíso é un proxecto escénico construído sobre a promesa dun paraíso social feita por un Estado de Benestar que agora se desmorona. O paraíso prometido era en realidade un gran hipermercado. Este é o retrato dunha xeración que tivo todo ao alcance da man e andou pola vida como se andase polo corredor dun supermercado, sometida ás mesmas técnicas de márketing que se usan para influir nas decisións de compra.

O desarraigo

Eroski Paraíso é a historia de alguén que non parou en ningures para volver ao mesmo punto de partida, como se tivese estado parada exactamente no mesmo lugar mentres todo se transformaba ao seu arredor. Unha maneira coma calquera outra de retratar o desarraigo que arrastrou a unha parte da nosa sociedade fóra da súa casa, da súa paisaxe, da súa fala, dos seus costumes, dos seus afectos, da súa comunidade de orixe e da súa propia memoria.

Colectivizar a memoria

O teatro é un rexistro cultural de primeira magnitude para documentar a realidade máis próxima e ubicarnos como pobo nun mundo globalizado. O proceso de traballo de Eroski Paraíso comezou explorando a memoria colectiva e a afectividade dunha pequena comunidade a partir das historias reais recollidas sobre unha sala de festas que se transformou nun supermercado. A sala de festas chamábase Paraíso e no seu lugar agora hai un supermercado Eroski.

O do cinema documental

Eroski Paraíso é tamén unha reflexión sobre a posibilidade de documentar a realidade, sobre a distancia entre a ficción e a realidade, entre o que significa ser un mesmo e actuar como un mesmo. Por iso planeamos a obra como se fose unha película documental, superpoñendo no escenario a mirada cinematográfica e a teatral, reutilizando a linguaxe do cinema e os recursos do documental creativo para facer unha obra especificamente teatral.

Ficha artístic

En escena: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Cristina Iglesias, Fidel Vázquez e a colaboración especial dun veciño da comunidade local. Coa participación de Luís Martínez, Rosa Moledo e Federico Rei. Dramaturxia, dirección: Xron. Escrita: Manuel Cortés. Técnica: Fidel Vázquez. Axudante de dirección: Arantza Villar. Escenografía e vestiario: Chévere. Construción: +Arte Compostela. Música: Terbutalina. Espazo sonoro: Xacobe Martínez Antelo. Fotografía: Matteo Bertolino. Vídeos: Númax. Gráfica: Fausto Isorna. Comunicación: Xana García. Produción: Patricia de Lorenzo, Inés Portela. Distribución: Crémilo-Carlos Carbonell. Unha produción Chévere que conta coa axuda de Agadic-Xunta de Galicia e Concello de Teo e coa colaboración do Concello de Muros e Eroski. O noso agradecementos ás traballadoras do Eroski de Muros, a Manolo Caamaño, Tucho Carou, Avelino Ajeitos, Pepe do Cuco, Santiago Dareina, Jose María, Ángel, Maru, Madi, Francisco Duarte, Feiraco, Escurís, Rianxeira e a toda a xente de Muros e Mazaricos que nos contou algunha historia que dun xeito ou doutro está presente nesta obra.

A COMPAÑÍA

Chévere é unha compañía con 28 anos de traxectoria, que soubo manter con naturalidade unha proposta tan irreverente como xenuína e un sólido compromiso social, político e cultural. No ano 2014, o traballo da compañía foi recoñecido co Premio Nacional de Teatro.

Dende a súa creación, a compañía actuou en centos de vilas e cidades de toda Galicia, España, Portugal e outros países europeos, latinoamericanos e africanos. Ao longo dos anos, conservou un núcleo artístico estable (Miguel de Lira, Xron, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés) ao tempo que incorporaba a numerosos profesionais de distintas procedencias xeográficas, xeracionais e creativas.

Chévere ten feito espectáculos de moi diferentes estilos e formatos e ten traballado en espazos pouco convencionais. Sempre co humor como filosofía e o sorriso como expresión, as súas obras levan ao escenario os debates do presente cunha linguaxe contemporánea accesible a públicos moi diversos. Exemplos recentes do seu traballo son obras como Testosterona (2009), a triloxía Citizen (2010-2011), Eurozone (2013), Ultranoite no País dos Ananos (2014) e As Fillas Bravas (2015).

O seu compromiso coa creación contemporánea e coa dinamización de contornas 

locais levou a compañía a crear a Nave de Servizos Artísticos-Sala Nasa en Santiago de Compostela, un espazo cultural independente no que Chévere asumiu la dirección artística dende 1992 a 2011 e que se converteu nun nodo especialmente activo da escena alternativa española.

Dende 2012, Chévere desenvolveu un proxecto de residencia teatral no Concello de Teo (A Coruña), un modelo experimental de relación público-privado que ten como obxectivos fixar o funcionamento dunha compañía de teatro a un espazo estable implicándose nunha contorna local para rendibilizar o uso dos espazos públicos, mellorar a estabilidade laboral dos profesionais do teatro e capitalizar o prestixio e o know how dunha compañía como Chévere en beneficio da comunidade.

No 2015, a compañía púxo en marcha a Berberecheira, unha iniciativa de custodia do territorio teatral, un espazo para sementar proxectos escénicos de xestión colectiva, un laboratorio de creación sustentado en redes estables de cooperación, un lugar de encontro e diálogo entre creadores, públicos e outros axentes sociais e culturais.

Ningún comentario: