O programa social A Sementeira, no que participan activamente o Concello de Ordes e Cáritas entre outras entidades, continúa o seu proceso de crecemento e expansión no municipio. Tal e como se acordara en comisión hai meses procedeuse coa construción de dous invernadoiros que supoñen case 1.000 metros cadrados para o cultivo ecolóxico de distintos produtos hortícolas, que se engadirán á superficie que xa dende o pasado ano se está a traballar ao aire libre. Unha medida destinada non só ao autoabastecemento senón tamén a obter ingresos económicos nos domicilios máis desfavorecidos da zona, xa sexa por conta propia ou allea.
Principalmente as novas infraestruturas dedicaranse ao cultivo de feixóns, tomates, pementos e leituga entre outras verduras e hortalizas. Todo iso contando coa instrución e asesoramento dun técnico agrícola profesional, cuxo labor se estende tamén á impartición de cursos e xornadas formativas especializadas.
Hai que destacar que para a posta en marcha da construción dos novos invernadoiros contouse co apoio da Deputación da Coruña. Isto compleméntase cun labor de formación en áreas como a produción e a comercialización de produtos hortícolas, o aproveitamento dos recursos e as fórmulas de autoemprego.
O programa A Sementeira ten un marcado fin social do que se benefician un total de 22 familias da zona de Ordes. Todo iso coa colaboración conxunta de Cáritas, Mancomunidade e Concello de Ordes. Entre as accións levadas a cabo dende o seu inicio figuran o cultivo de produtos hortícolas nunha parcela de 6.500 metros cadrados situada na mesma vila. Tamén organizar plans de formación relacionados coa agricultura ecolóxica, autoemprego, compostaxe, aproveitamento de recursos naturais como os cogomelos ou cultivos específicos como o amorodo. Contribuíndo co financiamento figuran nomes propios como a Asociación Tarandeira, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Asociación de Empresarios de Galicia e Sogama.
Como beneficios máis inmediatos figuran a resolución parcial do problema de abastecemento de alimentos en núcleos familiares con escasos recursos, incentivar a interrelación positiva de axuda entre persoas e culturas do esforzo neles ou contribuír á produción ecolóxica entre outros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario