BNG Santiago - Agustín Hernández gastou en propaganda máis que os 600.000 euros orzados en 2015 para renda social

No Pleno extraordinario aprobáronse, co voto en contra do BNG, créditos extraordinarios e se deu conta da liquidación do orzamento de 2014 cun remanente de tesourería positivo derivado “dun nivel de execución do 21% en investimentos básicos para a cidade”, en palabras de Rubén Cela, portavoz municipal nacionalista.

“Primeiro fan que aflore un remanente de tesourería positivo e un superávit ao tempo que os ingresos baixan, cousa que só é posíbel sobre a base de falta de execución de proxectos de gastos necesarios para a cidade”, explicou Rubén Cela. Así, dos 30 millóns de euros dispoñíbeis no capítulo de investimentos só se executaron 6,7 millóns de euros, que representan un 21% do total.

Porén, o nivel de execución non foi igual para todos os capítulos, entre as prioridades reais do PP en 2014 están as atencións protocolarias (cun nivel de gasto dun 126%, até chegar aos 117.250 euros) e a publicidade e propaganda (dun 113%, con 610.000 euros). “É dicir, gastaron en 2014 máis en propaganda que no orzado para este ano 2015 para a renda social”, advertiu o portavoz municipal nacionalista.

En canto aos remanentes de tesourería, indicou que son a culminación dunha xestión económico–financiera “errática”, “de marcha adiante e atrás no endebedamento municipal sen que fose destinado a investimentos reais”, cun plan de axuste que pola súa desproporción deu lugar a superávit desproporcionado de 17,6 millóns de euros en 2012, con remanentes de tesourería positivos sostidos sobre a base dunha mesquiña xestión dos gastos sociais e servizos básicos ao tempo dun nivel de investimentos extraordinariamente escaso.

Por iso, “a repetición dun novo remanente de Tesourería é impropia dunha situación de crise económica, non é lóxico que non se atendan as demandas da veciñanza” en base á falsa austeridade e por falta de cartos e logo se alardee de superávit, sinalou. Por iso, esta liquidación de orzamentos revela que non se fixo o investimento necesario en aspectos especialmente urxentes como investimentos produtivos, creación de emprego e fomento da actividade económica.

Ningún comentario: