Alfonso Zarauza presenta ‘Encallados’ e ‘A viaxe dos Chévere’ na xornada do mércores 12 en Cineuropa
· Ademais, teremos o último pase de ‘Une nouvelle amie’, o filme inaugural; o primeiro de ‘Vergiss mein ich (Lose my self)’ e Miss Julie; e poderemos ver tamén ‘La French’ e ‘Marie Heurtin’
A xornada do mércores 12 en Cineuropa ten como protagonista a Alfonso Zarauza que presentara dous dos seus filmes: ‘Encallados’ ás 16.00h no Teatro Principal e ‘A viaxe dos Chévere’ ás 18.30h no Salón Teatro. Ambos será presentados polo propio Zarauza e no dos Chévere estarán tamén os propios Chévere para comentar o filme.
Nesta xornada teremos tamén a posibilidade de ver por última vez o noso filme inaugural, ‘Une nouvelle amie’ de Ozon e que ten neste momento un 6,38 na valoración do público; así como a primeira oportunidade de ver ‘Vergiss mein ich (Lose my self)’ de Jan Schomburg. Haberá ademaise proxeccións de ‘La French’ de Cédric Jimenez e ‘Marie Heurtin’ de Jean-Pierre Améris. Complétase o día cos pases únicos de ‘S.O.P.: Standard Operating Procedure’ de Erol Morris e ‘When a stranger calls’ de Fred Walton que tamén se poderá ver no maratón.
A todo isto engádense catro filmes do ciclo ‘Ao outro lado do Muro: o cine na RDA’ no Centro Galego de Arte Contemporánea e tres do ciclo ‘Cando Tiburón devorou o cine: ascenso e caída do Novo Hollywood’ no Centro Cultural Afundación. Ademais, nas xornadas matinais que teremos en Afundación, este mércores poderemos ver ‘Mélo’ dentro do tributo a Alain Resnais.
COMENTARIOS DO DIRECTOR, JOSÉ LUIS LOSA, A ALGÚNS DOS FILMES
UNE NOUVELLE AMIE: Ozon retoma un dos seus territorios predilectos, o da ambigüidade, ou transversalidade, dos roles sexuais. Tras dúas obras tan implacables como “Dans la maison” e “Jeune & jolie”, o director francés dáse un respiro cun inspirado relato de transformismos que zumega libérrimo lirismo, e onde o kitsch de alta estirpe e o cameo de Fanny Ardant poñen a guinda.
LA FRENCH: Unha mostra do poderío económico do cinema francés, esta viaxe no tempo até a Marsella dos anos 70 do século pasado, o tempo en que a cidade costeira era capital do crime organizado (a French Connection, á que Hollywood lle puxo a cara de Fernando Rei) posúe a solidez dunha criminal movie de Scorsese. Jean Dujardin é o fiscal xeral, o Elliot Ness galo deste thriller opulento, nada compracente nas súas arestas de ferinte denuncia política.
MARIE HEURTIN: Nada que ver con “El milagro de Anna Sullivan” nin con “La canción de Bernardette”. Esta película de Jean Pierre Amèris propón un nada tramposo exercicio de achegamento dramático á minusvalía, onde o relixioso é só pano de fondo dun drama con gran actriz francesa dentro –Isabelle Carré, que traballou con Resnais ou Tavernier, entre outros– e premio nun festival do prestixio autoral de Locarno.
MISS JULIE: Liv Ullman demostrou todo o que a vida lle permitiu empaparse de sabedoría fílmica nas abafadoras “Infiel” e “Confesiones privadas”. A súa adaptación da obra de Strindberg, coa de Mike Figgis aínda no recordo, é un prodixio de dominio da linguaxe, do plano como campo de batalla hormonal, da tensión dramática que atesouran os seus tres actores en estado de graza: Jessica Chastain, espida de artificios, desgarrada polos corpiños da súa clase, Colin Farrell, o mordomo infiel; e Samantha Morton, ex moza Coixet, que chega a última á función pero non para pasar desapercibida.

Ningún comentario:
Publicar un comentario