Tras recibir múltiples queixas do estado das zonas verdes da Urbanización dos Tilos, os Socialistas de Teo puideron comprobar de primeira man o estado de abandono de moitas partes desta urbanización, onde a maleza invade as zonas de paso dos veciños e veciñas.
Tendo en conta que se acaba de adxudicar o novo contrato de mantemento das zonas verdes e axardinadas do Concello de Teo, os Socialistas de Teo solicitaremos no próximo Pleno do mes de novembro que se soluciones a maior brevidade posible estes problemas causados polo abandono e a maleza, por cuestións tanto de salubridade e hixiene como de mellora do tránsito para a veciñanza.
Como sinala Uxía Lemus, “as queixas da veciñanza na urbanización dos Tilos son constantes e as solucións desde o goberno municipal danse con contagotas. Rúas de dobre sentido cando é imposible manter mais que un, exceso de velocidade no tráfico, beirarrúas destruídas, fochancas mal tapadas unha e outra vez, chapuzas nas obras para acometidas de subministracións, maleza... Os Tilos é un claro exemplo da falta de mantemento das zonas urbanas teenses polo goberno municipal de Martiño Noriega”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario