Psoe Ames - Proposta de redución da débeda municipal

Miñones: “é imprescindible e urxente reducir a débeda municipal, especialmente os créditos do pp”

Esta é unha das principais propostas que presentou o precandidato á alcaldía de Ames polo Partido Socialista, José Miñones, ante os seus militantes do Milladoiro a pasada tarde-noite. 

A transparencia e a participación cidadá son outras das propostas que defende o pre candidato socialista

José Miñones reuniuse con militantes e simpatizantes do Partido Socialista de Ames no Milladoiro para solicitarlle o seu aval nestas primarias á alcaldía e tamén informarlles das propostas que el considera necesarias para mellorar o benestar, a calidade dos servizos e o progreso do Concello.

“Creo que é imprescindible e urxente encamiñar todo o meu esforzo á reducir a débeda municipal, especialmente os créditos pedidos polo Partido Popular e que van ligados a un plan de axuste tremendamente prexudicial e que nos lastra economicamente. “Intentarei por todos os medios amortizar ese préstamo que tanto limita as actuacións municipais e que obriga ao incremento das taxas e impostos municipais”, afirmou con contundencia Miñones.

O precandidato facía referencia ao empréstito dun 1.600.000 € solicitado polo goberno de Santiago Amor para o pago de facturas a provedores. Un préstamo no que cunhas esixencias e unhas condicións moi duras e estritas e que se traducen nos 600.000 € de interese que o consistorio terá que devolver en 10 anos e do que, a día de hoxe, non houbo ningunha amortización. Esta penosa negociación e o duro plan de axuste ao que é sometido o Concello provoca unha grave restrición na actividade económica de Ames, co consabido deterioro nos servizos públicos e nas súas infraestruturas.

Dúas propostas claras: Transparencia e Participación
Tamén falou de transparencia e de honestidade. Unha honestidade presente á hora de desempeñar calquera traballo pero máis necesaria, se cabe, no desenvolvemento do quefacer político. “Propoño crear unha oficina de transparencia do Concello, para que que cada veciño saiba que se fai cos seus impostos, onde se invisten os cartos e que tamén recolla os soldos do alcalde e dos concelleiros”, aseverou José Miñones.

Neste sentido, el considera que é importante a participación da cidadanía nas ordenanzas, coñecer o sentir da xente no que se está a facer ou no que se vai facer nun futuro e salientou que impulsaría a Concellería de Participación Cidadá, creada durante o goberno socialista e que agora está en vía morta.

Este punto introduce unha terceira proposta que é o compromiso de seguir visitando as parroquias. “O traballo municipal non pode concentrarse nos dous grandes núcleos, onde as súas carencias poden ser máis visibles, tamén seguiremos contando coas parroquias e as súas preocupacións e particularidades, por iso, polo menos, unha vez ao ano continuaremos coas visitas, como estamos a facer na actualidade”, concretou o actual portavoz do Partido Socialista en Ames.

Os veciños de Milladoiro deron conta das súas inquedanzas
Nun momento da distendida conversa, Miñones pediu aos asistentes que lle fixeran partícipe das súas inquietudes. Unha vez máis, saíu a relucir o deterioro do Centro de Saúde e a urxencia dun novo centro sanitario que poda acoller as necesidades da alta poboación do Milladoiro. Lembrar que nas emendas presentadas aos presupostos da Xunta, o Partido Socialista de Ames a través do seu grupo parlamentario solicitou a construción deste novo centro, algo prioritario para José Miñones.

Os militantes tamén comentaron que, tendo en conta o aumento poboacional que está a sufrir a zona é imprescindible pensar nun novo centro educativo que dea cabida a tantos rapaces así como o arranxo das deficiencias que están a sufrir os actuais colexios e escolas.A Nacional 550, as Escolas Deportivas, ou a Escola Infantil foron outros asuntos tratados na xuntanza.

Ningún comentario: