· Últimos pases de ‘A sal da terra’ de Win Wenders e ‘Kreuzweg (Stations of the cross)’ de Dietrich Brüggemann
O programa de Cineuropa continúa trala exitosa inauguración na que o público abarrotou o Teatro Principal. Na xornada de mañá martes 11 poderemos ver ata 15 filmes entre os que destacamos a inauguración do ciclo ‘Cando tiburón devorou ao cinema: ascenso e caída do Novo Hollywood’ co filme ‘A pantasma do paraíso’ ás 00.00h no Principal, así como o último pase do exitoso documental de Win Wenders sobre Sebastiao Salgado ‘A sal da terra’ (as 18.00h no Salón Teatro) e a última oportunidade tamén de ver a laureada ‘Kreuzweg (Stations of the cross)’ que levou o mellor guión en Berlín e a Espiga de Prata e premio FIPRESCI en Valladolid. Será ás 22.30h no Principal.
Ademais poderemos ver o primeiro pase de Passion de Brian de Palma ás 18.00h e de ‘Miss Julie’ de Liv Ullmann ás 20.00h, ambos no Teatro Principal. E no Salón Teatro tamén o primeiro pase de ‘La French’ ás 20.00h e de ‘A historia de Marie Heurtin’ de Jean-Pierre Améris ás 22.30h. Complétase a xornada con varios filmes das seccións de ‘Berlín: 25 anos sen muro’, ‘Docs-Cineuropa’ e Cando tiburón devorou ao cinema: ascenso e caída do Novo Hollywood’.
De todos estes filmes, catro están na sección Oficial e aspiran ao premio do público. Estes son os comentarios do director do festival, José Luis Losa, aos mesmos:
- ‘Kreuzweg (Stations of the cross)’: Podería establecerse algunha comparación co “Camino” de Fésser pero sen ambigüidade ningunha. Non hai aquí piedade para contarnos, en doce estacións, o vía crucis dunha adolescente para a cal o integrismo só entende a paz a través da dor e a autoinmolación. Imprescindible.
- ‘Marie Heurtin’: Nada que ver con “El milagro de Anna Sullivan” nin con “La canción de Bernardette”. Esta película de Jean Pierre Amèris propón un nada tramposo exercicio de achegamento dramático á minusvalía, onde o relixioso é só pano de fondo dun drama con gran actriz francesa dentro –Isabelle Carré, que traballou con Resnais ou Tavernier, entre outros– e premio nun festival do prestixio autoral de Locarno.
- ‘La French’: Unha mostra do poderío económico do cinema francés, esta viaxe no tempo até a Marsella dos anos 70 do século pasado, o tempo en que a cidade costeira era capital do crime organizado (a French Connection, á que Hollywood lle puxo a cara de Fernando Rei) posúe a solidez dunha criminal movie de Scorsese. Jean Dujardin é o fiscal xeral, o Elliot Ness galo deste thriller opulento, nada compracente nas súas arestas de ferinte denuncia política.
- ‘Miss Julie’: Liv Ullman demostrou todo o que a vida lle permitiu empaparse de sabedoría fílmica nas abafadoras “Infiel” e “Confesiones privadas”. A súa adaptación da obra de Strindberg, coa de Mike Figgis aínda no recordo, é un prodixio de dominio da linguaxe, do plano como campo de batalla hormonal, da tensión dramática que atesouran os seus tres actores en estado de graza: Jessica Chastain, espida de artificios, desgarrada polos corpiños da súa clase; Colin Farrell, o mordomo infiel; e Samantha Morton, exmoza Coixet, que chega a última á función pero non para pasar desapercibida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario