Primeiro foi a subida do IBI, despois a subida de diferentes taxas ( escola infantil, cursos interparroquiais, etc.) mais adiante foi a creación de novas taxas ( por expedición de documentos municipais, servizos da policía local, etc.. ) novas taxas que serán suprimidas en canto teñamos ocasión e agora son os novos e misteriosos recibos da taxa do lixo.
Coa chegada dos recibos da taxa do lixo nestes días recentes, podemos comprobar, de maneira atónita, como ao goberno municipal do PP e do PBN, non lle doen prendas, nin teñen reparo algún á hora de sacarlle os cartos do peto aos nosos veciños.
Este ano non tiveron mellor ocorrencia que cobrarlles a taxa do lixo a toda vivenda ou inmoble existente no noso municipio.
E cando dicimos a todos, queremos dicir a todos.
Sen contar si as vivendas están habitadas ou non, si teñen os servizos básicos ( auga, luz ) dados de baixa, ou mesmo si están sen rematar.
Estas medidas levadas a cabo polo equipo de goberno non son compartidas polo noso grupo municipal, mais ben todo o contrario. Son rexeitadas e denunciadas públicamente por entendelas inxustas, inxustificadas e por entender que sempre se atacan os petos dos mais débiles.
O Grupo Municipal Socialista entende que aquelas vivendas que teñan os servizos básicos dados de baixa ou aquelas que non estean plenamente rematadas, finalizadas e aptas para ser habitadas deben quedar excluídas do pago da taxa do lixo.
Por iso solicitamos que todos os recibos que correspondan a vivendas que cumpran as condicións descritas anteriormente queden en suspensión.
Ao mesmo tempo solicitamos, por unha parte que o Concello solicite á empresa que xestiona a traída municipal de augas, unha copia de tódolos seus aboados, para así poder realizar un arquivo real de todas as vivendas que teñen activado o servizo da auga municipal, e por outra parte abrir un prazo para que os propietarios de vivendas valeiras, abandonadas ou inacabadas poidan dar constancia da situación do seu inmoble.
Entendemos que estas medidas, ou ben outras que queiran aplicar o equipo de goberno, se deben tomar canto antes para poñer freo a esta sen razón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario