USC - Albert Camus, nunha exposición interactiva e multilingüe en Filosofía

A área de Filoloxía Francesa da USC presenta ata finais de novembro na Facultade de Filosofía a exposición dixital e multilingüe ‘Albert Camus 1913-2013’, unha produción do Instituto Francés coa colaboración nesta ocasión da EOI e da Alianza Francesa de Santiago. 

O percorrido pola vida e obra do escritor e filósofo francés faise a través de paneis interactivos aos que se accede coa lectura de códigos QR mediante un dispositivo móbil (teléfono ou tableta). Para poder ler eses códigos requírese descargar a aplicación gratuíta ‘Institut français - Albert Camus’, dispoñible en Google Play ou en App Store. Móstrase así en varios idiomas textos do autor, vídeos, documentos sonoros e material diverso descoñecido para o gran público. 

Acompáñase ademais dunha pequena mostra bibliográfica centrada na recepción de Camus. Dende as adaptacións dos seus textos teatrais ata a súa tradución por parte de José Ángel Valente, Xosé Manuel Beiras ou Pedro Laín Entralgo, boa proba da admiración que a súa obra espertou na península. 

A exposición complétase coa exhibición do filme documental de Jean Daniel e Joel Calmettes ‘A traxedia da felicidade’ (Francia, 2000).

Ningún comentario: