Teatro do Morcego
representará a peza teatral “A nona” en Bertamiráns
O teatro volve a Ames dentro da programación cultural de
inverno do Concello. Mañá venres terá lugar a representación de “A nona” a
cargo da compañía Teatro do Morcego na Casa da Cultura de Bertamiráns. Trátase
dunha comedia na que unha familia tentará desfacerse da avoa con terríbeis
resultados. Antes da representación a propia Casa da Cultura acollerá unha
homenaxe ao actor Andrés Pazos, finado no pasado mes de xaneiro.
A compañía Teatro do Morcego representará mañá na Casa da
Cultura de Bertamiráns “A Nona”. A obra é unha comedia delirante de Roberto
Cossa que narra a historia dunha familia arxentina de orixe italiana. A avoa da
mesma come sen parar mentres os seus parentes se encamiñan á ruína procurando
cartos polos máis diversos métodos, da prostitución ao timo pasando pola
mendicidade. Levados pola desesperación a familia comeza a tentar asasinar a
avoa. Porén, son eles mesmos os que van morrendo un a un nos súas fracasadas
tentativas. A obra conta no seu reparto con Miguel Pernas, Mundo Villalustre,
César Goldi, Mónica Camaño, Elina Luaces, Miguel Varela e Iolanda Muíños.
Teatro do Morcego foi fundada en 1989 polo actor e
director Celso Parada e Isabel Ávila. Mantén a súa actividade ininterrompida
desde entón, recibindo premios como os Compostela por “Misterio cómico” e
“Doberman”, María Casares por “Lazariño de Tormes”, e sendo finalista en varias
ocasións. Realizou importantes montaxes como “O burgués fidalgo”, de Molière,
“Os vellos non deben de namorarse, de Castelao”, “A Gran ilusión”, de Eduardo
de Filippo ou “Morte accidental dun anarquista”, de Darío Fo. Na compañía
traballaron e traballan importantes actores galegos como Maxo Barjas, Luísa
Merelas, Santi Prego, X. Estévez, X. Carlos Mosquera "Mos", Carlos
Blanco, Paco Campos, Miguel Varela, Mundo Villalustre, Gonzalo Uriarte, E. R.
Cunha "Tatán", Pepa Barreiro, Casilda García, Sonia Rúa ou Salvador
del Río.
“A nona”
representarase ás 21:00 horas. Previamente, na propia Casa da Cultura de Bertamiráns
terá lugar unha homenaxe ao actor Andrés Pazos. O intérprete galego,
protagonista de filmes como “Whisky”, desenvolveu case toda a súa carreira
profesional en Uruguai e faleceu a consecuencia dun cancro en xaneiro de 2010.
Na homenaxe intervirán Celso Parada e a viúva do actor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario