TEO - CORTE DE ESTRADA


AS OBRAS DE SANEAMENTO ENTRE QUINTÁNS E A IGREXA (LUOU) OBRIGAN A CORTAR UN CRUCE EN LUOU DURANTE DÚAS SEMANAS

Os autobuses a Santiago e o transporte escolar usarán vías alternativas

26 de febreiro de 2011. O Departamento de Urbanismo e Obras municipal informa de que entre o luns 28 de febreiro e o venres 11 de marzo se realizará un corte de carretera no Cruce da Veiga da Brea, en Quintáns na parroquia de Luou. Trátase do cruce situado despois da igrexa de Luou dirección Milladoiro.

Segundo explica o edil de Obras, Rafael Sisto, “o corte vén provocado polas obras de saneamento que se están realizando entre os lugares da Igrexa e Quintáns”. A obra, cun orzamento superior aos 150.000 euros está sendo executada pola empresa Ferorsa. O traballo técnico obriga a realizar un pozo de catro metros de profundidade no cruce da Veiga de Brea o que fai necesario mantelo cortado para facero o traballo e garantir a seguridade. Nas últimas semanas xa se estivo traballando na zona e regulando o tráfico cun semáforo de obra pero a envergadura da actuación que se realizará nos próximos días fai inviable manter aberto o vial. O concelleiro de Obras destaca que “se tentará axilizar os traballos ó máximo para que os inconvintes para a cidadanía sexan os mínimos”.

O corte dese cruce é importante xa que se trata dunha intersección na que se pode coller dirección Luou, Lampai, Cacheiras, Recesende e Vilar de Calo ademais de afectarlle a liñas de autobuses con dirección a Santiago e autobuses escolares. Trátase dunha vía  case paralela ás grandes vías do Concello, a AC-841 e a N-550, co agravante de que é interior e une moitos núcleos das parroquias que quedan no medio das dúas grandes estradas.  Nos últimos días o departamento de Urbanismo e a Policía Local coordinaron o operativo falando coas empresas de autobuses afectadas, cos colexios e preparando a sinalización das vías alternativas ó vial que se pechará.

Rafael Sisto explica que unha das maiores dificultades do operativo “é que as vías alternativas a este vial están bastante alonxadas da estrada que se cortará”.

Os desvíos recomendados son os seguintes:

Dende Rarís e Luou cara Solláns, Milladoiro e Santiago proponse o desvío pola Ramallosa, collendo a AC-841 ou a AG-59; ou o desvío pola Casalonga seguindo a N-550. Dende Santiago cara Luou ou Rarís recoméndase usar a AC-841 ou a AG-59 dirección a Estrada collendo o desvío na Ramallosa ou pola N-550 cara Padrón, tomando o desvío na Casalonga.

Dende Lampai e Casalonga cara Recesende e Cacheiras utilizar sempre a estrada provincial DP-0205 Ramallosa-Luou-Casalonga e non as vías interiores.

Durante os días que durará o corte poderase consultar a información sobre os desvíos recomendados na web municipal www.concellodeteo.com ou no teléfono do Concello 981 815 700. Durante esta fin de semana tamén quedará sinalizado o corte e as vías alternativas con cartelería informativa.

Ningún comentario: