Ames, 04/08/2016 - Un decreto de alcaldía asinado no ano 2013 avala e recoñece a vinculación laboral de José Casas coa conserxería do CEP de Ventín. A Anpa As Brañas tivo coñecemento desta resolución administrativa recentemente e en base á ela e a outros argumentos, presentou onte as súas alegacións á modificación da RPT, a través da cal o Goberno de Ames pretende que José Casas se reincorpore á brigada de Vías e Obras cando faltan poucos meses para a súa xubilación.
A pesar da insistencia do Concello en negar que existan documentos que dean amparo legal á continuidade deste traballador en Ventín, o devandito decreto avala unha petición realizada por Casas en abril de 2013 para poder prorrogar a súa xubilación durante 5 anos. Así mesmo, tamén recoñece que no momento da solicitude o traballador prestaba os seus servizos no CEP de Ventín e xustifica o informe favorable da Intervención e da Secretaría municipais nas limitacións existentes en materia de persoal e para poder cumprir coa obriga do Concello de vixiar e manter os edificios públicos dependentes de Educación.
Queda demostrado, polo tanto, que a situación de José Casas en Ventín non é ilegal: está amparada por un decreto asinado en maio de 2013 por Santiago Amor (alcalde de Ames na pasada lexislatura) e que contou tamén coa rúbrica da secretaria municipal. De feito, os movementos internos de traballadores son una práctica habitual na Administración Local, que en ocasións se ve obrigada a recorrer a persoal doutras categorías para cubrir determinados postos en función das necesidades.
A modificación da RPT aprobada en xuño, sen embargo, non tivo en conta a situación especial na que se atopaba José Casas en virtude deste decreto. Por iso, desde a Anpa As Brañas consideramos que a reorganización de postos que quere acometer agora o Concello infrinxe directamente unha resolución municipal anterior e con maior rango legal, xa que foi asinada polas máximas autoridades política e xurídica do Concello.
Prexuízos para o centro
Así mesmo, a comunidade educativa de Ventín tamén entende que os cambios propostos a través da RPT na organización dos servizos de conserxería de Ames terán repercusións negativas para o funcionamento do centro. Tal e como se argumenta nas alegacións presentadas onte, a pretendida unificación deste servizo nas áreas de Educación, Cultura e Deportes pasa por alto o feito de que estas instalacións teñen intereses e funcionamentos completamente diferentes; e ademais suporá na práctica que o Concello pase a dispoñer dun conserxe menos para atender unhas necesidades que, lonxe de diminuír, seguirán incrementándose, coa conseguinte perda de calidade e eficacia.
O Concello utiliza para xustificar a creación deste servizo de conserxería unificado o principio de racionalización dos recursos dispoñibles, unha fórmula tan xenérica como abstracta e da que as administracións públicas se aproveitan en ocasións para amortizar prazas públicas. Desde o noso punto de vista, isto é o que ocorre neste caso particular.
A modificación aprobada pretende cubrir as necesidades de conserxería no conxunto das instalacións municipais a través dunha bolsa ‘móbil’ integrada polo persoal que ocupa actualmente estes postos. Sen embargo, o Goberno esqueceu ter en conta a José Casas, un traballador que vén desenvolvendo labores de conserxería en Ames desde 2004. Nin contou con el para a nova bolsa (co que se reducen de dez a nove as prazas de conserxes), nin aproveitou a revisión da RPT para xustificar a procedencia de modificar a súa situación laboral particular, cousa que si fixo noutros casos e departamentos.
Por todo o exposto, a Anpa As Brañas, como lexítimo representante dos intereses da comunidade educativa do CEP de Ventín, rexistrou onte as súas alegacións contra a modificación da RPT do Concello de Ames xa que redundará nun claro prexuízo tanto para o centro como para o benestar dos nosos fillos e fillas, máis alá de que entendemos que supón tamén unha clara vulneración dos dereitos do noso conserxe, José Casas.
Ignoramos as razóns que levaron ao Goberno a pasar por alto a vinculación laboral deste traballador co centro na súa modificación da RPT, máis aínda cando semellante omisión contradí o espírito que o impulsou a cambiar a relación de postos de traballo vixente desde 2007. Pero sobre todo, consideramos que o Concello de Ames non escoitou á comunidade educativa cando acudiu a el para buscar una solución consensuada ao problema. Se nun principio valoramos a resposta recibida coma decepcionante, agora cremos que desde o Concello non houbo vontade algunha por buscar una solución satisfactoria para todas as partes implicadas.
A existencia deste escrito, asinado polo anterior alcalde e máis a secretaria municipal, non debería térselles escapado ao Goberno de Ames. En todo caso, desde a Anpa As Brañas agardamos que nos próximos días este documento sexa analizado e valorado polo Concello así como o conxunto das nosas alegacións á RPT co convencemento de que acabamos de abrir unha porta para garantir a permanencia de José Casas en Ventín ata a súa xubilación efectiva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario