O Colexio de Traballadores sociales di que mortes como as de Arzúa son evitables

Marta Capeans, presidenta do COTSG
Arzúa, 03/08/2016 - O rol da traballadora ou traballador social dentro da saúde mental é provocar o cambio no usuario ou usuaria para mellorar a súa adaptación social e favorecer a súa integración na comunidade, dentro dun equipo multiprofesional. Ese cambio búscase a través da relación interpersonal, da mudanza na súa situación social e dos trocos nas relacións coas súas persoas significativas vitais, especialmente, dentro do ámbito familiar. Porén, para que exista ese traballo dos profesionais, homes e mulleres, do traballo social, é fundamental a coordinación no eido sociosanitario.
As pesquisas que puido levar a cabo o Colexio Oficial de Traballo Social durante estes días, sinalan unha total descoordinación entre os equipos médicos e as súas traballadoras sociais no caso da muller que, presuntamente, asasinou a dúas persoas maiores na vila de Arzúa. Para a presidenta do COTSG, Marta Capeáns “esta muller estaba atendida por todos e, en realidade, por ninguén a nivel social”. “A situación persoal e familiar desta persoa”, afonda a presidenta, “era extremadamente complexa e podía ter canles para encarreirala como podería ser formar parte dos programas de educación familiar, axuda a domicilio ou mesmo o asesoramento e apoio no ámbito do seguimento do tratamento médico, do apoio no ámbito familiar e mesmo no comunitario.”.

O ou a traballadora social inclúe “o social” dentro da saúde mental dos usuarios porque é o especialista niso, en recursos e servizos sociais e, como non, nas relacións comunitarias. E dentro desas relacións, teñen un lugar privilexiado o transcurso das relacións familiares que son fundamentais no desenvolvemento da enfermidade.

Desde o COTSG sinalan que todo parece indicar que a muller era unha “paciente psiquiátrica descompensada que non tiña un profesional social que apoiase no seu tratamento e na súa interacción social”.

A enfermidade mental como excusa

No colexio subliñan que “a enfermidade que tiña a paciente non debe ser a excusa do que ocorreu”. Na mesma liña destacan que “eran mortes evitables se o eido sociosanitario non estivese desmantelado e houbese unha boa conexión entre as capas da Administración e se funcionase dun xeito sensato coa debida coordinación entre especialistas do ámbito médico e o campo social”.

A agresividade é infrecuente no caso das persoas co tipo de enfermidade mental que, segundo a prensa, ten a muller pero poden ter episodios psicóticos en caso de non tomar a medicación correctamente ou non tela ben axustada. “Este tipo de noticias que enfocan a culpabilidade na persoa e non contextualizan as causas só contribúen a crear unha atmósfera que marxina ás persoas con enfermidades mentais”, sostén Capeáns.

Así, a descoordinación entre os diferentes recursos fomenta que haxa xente sen tratamento integral nin atención continuada, como o caso desta persoa de Arzúa. Isto supón un forte incremento do número de ingresos involuntarios, recaídas e falta de adherencia ás citas cos profesionais. En moitas ocasións, esta situación de descoordinación conduce ás persoas con enfermidade mental a situacións límite onde a reacción é impredicible.

A calidade de vida, tanto dos pacientes como das familias, tamén se ve mermada ante a falta de coordinación xa que as persoas non poden desenvolver todos os seus potenciais.

A descoordinación dentro do recurso sociosanitario fomenta que haxa xente sen tratamento integral nin atención continuada, como o caso da persoa desta vila

Ningún comentario: