
Nunha rolda de prensa Ames Novo explicou a súa
postura en 3 dos asuntos de mais actualidade no concello: as escolas
deportivas, os orzamentos e o caso da construción dun muro en Ortoño realizado
pola primeira Tenente de alcalde Genma Otero
en contra do que existe unha sentenza xudicial de reposición de
legalidade.
O caso do camiño veciñal de Ortoño resulta preocupante pola implicación da primeira tenente de alcalde Genma Otero e do seu marido Eusebio Ónega, secretario xeral en funcións de Podemos Ames. O goberno municipal concedeu a licenza para a construción dun muro cando existía unha sentenza que obrigaba á reposición da legalidade sobre o camiño que invade o muro, sentenza que empraza ao concello a tomar medidas nese sentido. Ames Novo non se sitúa sobre quen ten a razón xa que é un conflito entre veciños pero acusa o goberno municipal de falta de transparencia xa que en abril pediuse por rexistro unha explicación oficial e esta chegou aínda esta semana. Ames Novo espera ademais que na xunta de goberno na que se concedeu esa licenza a Primeira Tenente de alcalde non estivese presente xa que é persoa afectada e sería ilegal.
En canto ás escolas deportivas o conflito nace
da intención do goberno local de subir as taxas, algo rexeitado por toda a
oposición no último pleno deixando o tema pendente de solución. Para Ames Novo
non se pode pedir que os veciños pasen de pagar o 32% do custo total ao 83%,
unha familia de dous fillos pasaría de pagar pouco máis de 70 euros a máis de
douscentos.
Os orzamentos seguen paralizados e Ames Novo
cre que será difícil que saian adiante antes de novembro polo que case é mellor
pechar os do 2017 e que en xaneiro se
poidan comezar a aplicar en prazo. O que evidencia a situación para Ames Novo é
a falta de xestión do tripartito amiense que non foi capaz de chegar a acordos.
Quéixase tamén da manipulación dos datos á hora de explicar o gasto social, por
exemplo preténdese incluír dentro do que se destina a esa partida o custo total
dos comedores escolares sen eliminar nin sequera a parte que pagan os pais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario