Ames, 1/08/2016 - A comunidade educativa do CEP
de Ventín, coa Anpa As Brañas á cabeza, segue a traballar na procura dunha
solución que permita ao actual conserxe do centro, Xosé Casas Rey, continuar
neste posto o próximo curso, ata a súa xubilación efectiva. Con este obxectivo,
nas últimas semanas membros da Anpa mantiveron contactos con todos os partidos
da oposición así como con representantes do comité de empresa do Concello de
Ames para informalos da situación e tentar recabar apoios á nosa demanda.
Como parte coñecedora da nova RPT municipal, coa que o
Goberno de Ames pretende que Xosé Casas se reincorpore á brigada de Vías e
Obras con 68 anos cumpridos, a oposición amiense coincidiu en que o Concello
dispón de ferramentas legais que permitirían a súa permanencia no centro ata
xubilarse, sempre que haxa vontade política.
Pola súa banda, o comité de empresa do persoal laboral do
Concello amosouse sensible e receptivo ante a situación de Casas, un cambio de
actitude dos sindicatos que valoramos positivamente logo de que na xuntanza mantida
co Goberno municipal hai 15 días se limitaran a defender a nova RPT, sen
valorar os dereitos do traballador.
Próximos pasos
Cando se cumpre xa un mes desde que o goberno de Ames
comunicou a Xosé Casas a súa intención de trasladalo á brigada de Vías e Obras,
a comunidade educativa de Ventín ten a certeza de que aínda existen
alternativas sen valorar que darían amparo legal á permanencia do conserxe de
Ventín no seu posto.
Por esta razón, a próxima semana presentaremos alegacións
á nova RPT do Concello (aprobada en xuño e actualmente en período de exposición
pública) para defender a lexitimidade de que Xosé Casas continúe desenvolvendo
labores de conserxería e poida rematar a súa vida laboral no centro.
A comunidade educativa de Ventín entende que a
proximidade da data de xubilación do traballador, a impresionante reacción
social provocada pola decisión unilateral do Concello de trasladalo a Vías e
Obras e a solicitude realizada polo propio afectado para continuar no posto ao
que hai 5 anos foi destinado por mandato municipal, son argumentos de peso para
que o Goberno de Ames reconsidere a súa intención e permita que Casas continúe na
conserxería do colexio. Con este obxectivo, seguiremos traballando con todas as
ferramentas ao noso alcance e coa mesma vontade de diálogo amosada ata agora
con todas as partes implicadas no problema e nas posibles solucións, pero sen
dar nin un paso atrás ata obter garantías de que o noso conserxe se poida
xubilar no CEP de Ventín.
Ningún comentario:
Publicar un comentario