O Concello de Teo está traballando no arranxo de varios lavadoiros e fontes públicas. Nestes días a brigada municipal está no da Ramallosa e está previsto que tamén fagan melloras no de Feros e rematen o arranxo no de Guldrís.
Segundo explica o edil de Servizos Básicos, Xurxo Francos, no lavadoiro da Ramallosa retiráronse os restos do tellado vello e repúxose completamente. Ademais está previsto subir a altura da varanda por non cumprir as medidas regulamentarias de seguridade. Nos últimos días os traballadores municipais estiveron na fonte de Guldrís onde se colocou un caño novo de aceiro inoxidable, como todos os que se repoñen, arranxouse o tellado do lavadoiro e fíxose unha nova estrutura de formigón na fonte para evitar que a auga chegase á estrada. Nos vindeiros días pintarase todo, a fonte e o lavadoiro.
Na fonte de Liñariño, en Solláns, tamén se arranxará unha arqueta para impedir que se filtren augas de choiva. Nas fontes da Comparada (Penelas) e Monteselo (Reis) vanse cambiar os canos actuais e arranxar o desaugue. Moitas destas fontes presentan fendas polas que hai filtracións polo que hai ocasións nas que é preciso formigonar de novo a estrutura para evitar esas perdas de auga.
Outra actuación prevista é a que se fará no lavadoiro de Feros no que se vai tentar drenar a tubaxe pola que discorre o regato e que sirve de paso cara a fonte xa que está atascado e cando sube o caudal do río pola choiva non é capaz desaguar. Como consecuencia desta situación a fonte anégase de novo e fai inútiles os traballos de limpeza do lavadoiro.
Xurxo Francos explica que en moitas fontes e lavadoiros “atopámonos con estruturas mal executadas do pasado o que complica as tarefas de mantemento actuais”. Sen embargo nos últimos anos xa se melloraron diferentes fontes como a de Mouromorto, a de Pite ou a de Cerdeira en Vilariño. No caso da fonte de Carballal, situada na carballeira ó carón do Pazo de Adrán, o arranxo obrigou a conectala con auga da traída municipal por ser imposible recuperar o caudal natural da fonte.
Xurxo Francos, en relación coas peticións do Partido Popular de arranxos en fontes e lavadoiros, destaca que “os traballos nestes equipamentos deben facerse no verán, cando a carga de traballo de limpezas, desbroces e mantementos nos colexios tamén é máis intensa”. “A oposición debe ser consciente de que a política tamén é priorizar e neste caso o goberno municipal prioriza os colexios e espazos públicos con máis uso” explica o edil. De todas maneiras “na medida do posible iremos acometendo os arranxos máis urxentes e necesarios como se vén facendo nos últimos anos en fontes e lavadoiros” matiza Francos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario