A ANPA do CEIP de Sigüeiro denuncia os recortes de persoal docente que está sufrindo o centro e a perda de material de TIC´s.
A Asociación de Nais e Pais A Nosa Escola denuncia a situación actual na que se atopa o colexio de Sigüeiro, máis masificado co ano pasado a pesares de que neste curso o concello conta con outro CEIP máis.
Suprimiuse un docente de Pedagoxía Terapeútica, un especialista de Audición e Linguaxe e unha coidadora asignada a NEAE, Necesidades Educativas de Apoio Específico.
Os pais e nais dos 631 alumnos e alumnas do curso pasado tiñamos a convicción de que a decisión por parte da Consellería de Cultura e Educación de abrir un novo colexio, o CEIP Oroso, perseguía o obxectivo de desconxestionar o vello CEIP de Sigüeiro. O CEIP Oroso inaugurouse o pasado 10 de setembro, pero as aulas do colexio vello están agora máis masificadas que no curso pasado.
No cómputo total hai menos alumnado: pasamos de 631 a 414. Pero paradoxicamente empeorou a ratio. No CEIP de Sigüeiro hai aulas de 27 alumnos e alumnas, algo que non sucedía o curso pasado. A día de hoxe aínda se están producindo novas incorporacións de alumnado.
Pola contra, contamos con menos mobiliario e materiais de ensino: mesas, cadeiras, encerados electrónicos e material de educación física que foron enviados ao CEIP de Oroso.
A opinión pública debe saber que se recortou un membro do profesorado de Pedagoxía Terapéutica. No curso pasado contábamos con dúas especialistas de Audición e Linguaxe, agora unha delas está compartida co CRA de Teo.
A finais da semana pasada a ANPA ten coñecemento de que unha das coidadoras asignadas a NEAE era trasladada ao CEIP de Oroso, sen comunicación nin diálogo coa dirección do CEIP Sigüeiro.
A ANPA A nosa Escola e membros do consello escolar reuníronse o pasado día 23 co Inspector Xefe de Educación, Fermín Álvarez Lata, para informalo das carencias no CEIP de Sigüeiro. O Inspector comprometeuse a solicitar os informes sobre esta situación e subsanar de inmediato o problema da coidadora de NEAE.
A día de hoxe, o CEIP de Sigüeiro segue padecendo os recortes de persoal que afectan a calidade da docencia e á atención dos nosos fillos e fillas e polo tanto, a ANPA e as representantes das nais e pais no Consello Escolar esiximos unha solución inmediata a estas deficiencias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario