Os organizadores tiveron que aprazar e cambiar os horarios e os lugares de celebración das distintas probas
O bo tempo animou a milleiros de persoas a achegarse polo Monte Rañalonga
A climatoloxía está a ser un ano máis a protagonista da Festa do Cabalo de Brión. Se o ano pasado as fortes choivas caídas durante a fin de semana obrigaron á suspensión da festa, a edición deste ano está a verse moi condicionada polas continuas choivas caídas durante esta semana e que deixaron demasiado brando gran parte dos terreos nos que se tiñan que disputar as probas.
“Este ano non choveu durante a festa, o que fixo que moita xente se achegase ata Rañalonga na tarde do sábado e ao longo desta mañá, pero o terreo non foi quen de absorber toda a auga que caeu durante a semana e hai zonas que estaban en peor estado do que semellaba a simple vista”, explica Manuel Fernández, un dos máximos responsables da Asociación Festa do Cabalo de Brión, entidade organizadora da festa en colaboración co Concello de Brión e a Deputación Provincial da Coruña.
Fernández explica que, ante esta situación, “decidimos aprazar as probas, cambiar algunhas de sitio e suspender a exhibición de doma do sábado, xa que non se daban as condicións precisas para facela”. Unhas decisións que a Asociación Festa do Cabalo de Brión tomou en todo momento de común acordo cos participantes e coa máxima prioridade de salvagardar a seguridade dos xinetes e dos cabalos. Así, celebráronse o concurso morfolóxico e a carreira de burros, quedando suspendido o espectáculo de doma.
Atrasos nas probas
Durante a mañá do domingo seguiron reproducíndose os mesmos problemas, se ben en menor intensidade polo que a organización atrasou o inicio das competicións de saltos, previstas para as 11:00 horas, ata as 13:30 horas. Isto motivou que gran parte dos competidores se animase a participar na ruta cabalar polo monte Rañalonga, seguindo o leito do río Tambre.
Ás 13:30 horas comezaron as primeiras competicións de salto, coas probas infantís e 0,80, e o concurso de arrastre, celebrado paralelamente noutro recinto máis axeitado. De feito, a celebración sen ningún tipo de incidentes destas probas fai que dende a Asociación Festa do Cabalo de Brión sexan optimistas de cara poder celebrar esta tarde todas as probas pendentes (xincana, concurso de salto e rapa das bestas) e mesmo recuperar o espectáculo de doma suspendido o sábado.


Ningún comentario:
Publicar un comentario