Brión - Preparativos para a Romería de Santa Minia

O Concello de Brión ultima os preparativos da Romaría de Santa Minia, na que se agardan milleiros de romeiros ao coincidir en sábado

A novidade deste ano será o IX Certame de Bandas de Música, coa participación da Asociación Cultural e Musical Solfa, a Unión Musical de Ponteledesma e a Banda de Música Municipal de Brión

Os permisos de paso para os veciños da avenida de Santa Minia poden solicitarse na Casa da Cultura

O Concello de Brión está a ultimar os preparativos para a Romaría de Santa Minia, que terá lugar este venres 26, sábado 27 e domingo 28 de setembro. De feito, a coincidencia do Día de Santa Minia en sábado fai prever un incremento substancial do número de romeiros que acudirán a esta cita festiva dende distintos puntos da xeografía galega. Unhas previsións que tamén dependen de que se manteñan as actuais previsións meteorolóxicas, que indican que non choverá, xa que as fortes choivas foron as protagonistas da edición de 2013 e mesmo impediron a celebración de gran parte do programa previsto para o último dos tres días de festa.

O Concello de Brión xa instalou o alumeado especial que lucirá a carballeira de Santa Minia durante estes días de festa, que será acendido o venres 26 de setembro coincidindo coa celebración da tradicional “Queima da Fachada” e a gran tirada de fogos de artificio. Así mesmo, o Concello está a repartir entre os veciños da avenida de Santa Minia os correspondentes pases de circulación para que poidan acceder ás súas vivendas cos seus vehículos, xa que dende a noite do venres a avenida estará cortada ao tráfico por mor dos centos de casetas de venda que se instalan na zona. Aqueles veciños que aínda non o teñan feito, poden recoller os seus permisos na Casa da Cultura.

Programa
O Concello de Brión xa ten listo o seu programa de actividades, que recolle gran parte das actuacións e grupos que máis aceptación tiveron entre os romeiros en edicións anteriores. Así, a festa comezará o venres 26 de setembro, coñecido como Día de Vésperas. Ás 12:00 horas, a Charanga Mekánica volverá a ser a encargada un ano máis de dar o pistoletazo de saída ás festas. Pola tarde, ás 18:00 horas, será a quenda dunha das sensacións do ano pasado: Cé Orquestra Pantasma. E xa pola noite, a verbena estará protagonizada dende as 22.30 horas polas orquestras Abanico e Ismael. Á medianoite está programado un espectáculo de fogos de artificio, coa ‘queima da fachada’ de Santa Minia. 

O sábado 27, día de Santa Minia, o ambiente comezará a animarse a partir das dez da mañá coa actuación da Charanga Mekánica. Tomará o relevo ao mediodía a Banda de Gaitas do Padroado de Cultura de Narón e ás dúas da tarde será a orquestra Canadá a que inicie a sesión vermú. Pola tarde, desde as seis, o programa contempla a celebración do IX Certame de Bandas de Música, que terá lugar na praza do Concello. Actuarán a Asociación Cultural e Musical Solfa, a Unión Musical de Ponteledesma e a Banda de Música Municipal de Brión. Ás 20:00 horas será o momento da murga “O ghusto do Boi”. Da verbena nocturna encárganse as orquestras Canadá e América.

Finalmente, o domingo 28 a charanga Os Celtas ofrecerá a súa música desde as dez da mañá. Ás 13:00 horas, a compañía Femme Fatale presentará o seu espectáculo de rúa “Unha cadeira para mover o mundo”, xusto antes da sesión vermú a cargo da orquestra Suavecito. Pola tarde, ás 17:00 horas haberá un espectáculo de malabares e maxia a cargo de Roi O Cagabolas que dará paso á actuación das escolas de baile e pandeireta do Concello de Brión, ás 18:00 horas na praza do Concello. E para pechar a tarde, as 20:30 horas, verbena coas orquestras Suavecito e Aramio.

Oficios relixiosos
A parte relixiosa da Romaría de Santa Minia xa comezou o pasado mércores 17 de setembro coa tradicional Novena, que inclúe misas todos os días ás 20:00 horas ata o xoves 25 de setembro. O venres 26, Véspera, haberá misas ás 9:00, 12:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas. O sábado 27, día de Santa Minia, haberá misas cada hora entre as 9:00 e as 13:00 horas (momento da misa solemne). Pola tarde, os oficios continuarán entre as 17:00 e as 20:00 horas. Finalmente, o domingo 28 haberá misas ás 9:00, 11:00, 12:00 e 19:00 horas.

Ningún comentario: