Santiago - Teatro hoxe na Zona C e no Teatro Principal

Estrea absoluta de ‘Despois do tranvía’ e función de ‘D.E.P.’ hoxe na Zona C e no Teatro Principal
· Dentro do Bono de Teatro Galego temos hoxe dúas propostas culturais na cidade: a estrea absoluta de ‘Despois do tranvía’ ás 20.30h na Zona C e ‘D.E.P.’ ás 21.00h no Teatro Principal

A axenda cultural para hoxe, mércores 24, trae dúas propostas dentro do Bono de Teatro Galego. Ás 20.30h teremos na Zona C a estrea absoluta de ‘Despois do Tranvía’ dirixida por Carlos Neira e que poderemos ver de novo de xoves a venres. E á ás 21.00h poderemos ver, en función único e no Teatro Principal, ‘D.E.P.’ de Malasombra Producións. 

Estrea absoluta de ‘Despois do tranvía’
Tennessee Willians formúlanos conflitos universais e actuais. Un tranvía chamado desexo converteuse nun clásico do teatro e segue a ser unha peza contemporánea. Como creadores contemporáneos, Carlos Neira e Paula Ballesteros propoñen extraer a Blanche DuBois do seu contexto temporal dándolle unha temporalidade natural, envellecendo, triunfando e fracasando, someténdoa a unha transformación e agonía a través do tempo. Deste xeito, cada día é diferente na vida de Blanche o que lle imprime a esta nova peza un carácter performativo.

Ademais de hoxe, mércores, haberá función tamén xoves, venres, sábado e domingo; todos os días ás 20.30h agás a do domingo que será ás 19.30h. O prezo da entrada é de 8 euros (6 euros o mércores, día do espectador) e o espectáculo está enmarcado dentro do Bono de Teatro Galego que permite obter 5 entradas por 35 euros. Poden adquirirse na billeteira do Teatro Principal de martes a sábado de 18.00 a 21.00h ou na da propia Zona C os días de función desde ás 19.00h (o domingo desde as 18.00h).

Malasombra Producións presenta ‘D.E.P.’
Unha nai con demasiados anos, unha embolia, unha gripe e moi poucas ganas de morrer. Un fillo próximo aos 50 cunha empresa que se afunde. Outro fillo de 42 que a coida, a baña, a peitea e case a mata (á da embolia). Unha testemuña de Xeová que os visita cada mércores. Moitas libretas e poucos aforros. Unha casa que hai que vender "pero, xa!". Unha noite interminable repleta de segredos inconfesables: "Fran, eu creo que non quero a mamá", "Pois mira que se se cura”... Quizais habería que darlle un empurronciño… E timbres, moitos timbres… Iso é D.E.P.: unha comedia, claro.

Trátase dunha función única desta comedia de Malasombra Producións dirixida por Marcos Orsi e con Jouse García, Xoque Carbajal e Patricia Rodríguez sobre as táboas. A entrada pode adquirirse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18.00 a 21.00h), en entradas.abanca.com, ou no 902 434443 a un prezo de 10 euros. Ademais, está enmarcado dentro do Bono de Teatro Galego que permite obter 5 entradas por 35 euros.

Ningún comentario: