Psoe Teo - Sobre a conta xeral do concello

Mais gasto en soldos de políticos que na suma das cantidades dedicadas a fomento de emprego e medio ambiente

Os Socialistas de Teo aproveitarán o debate da Conta Xeral para afondar na evolución pésima da economía do Concello de Teo, gobernado polo equipo de Martiño Noriega, marcada polo aumento da presión fiscal e o endebedamento, e menor inversión e liquidez.

Como sinala a concelleira socialista Uxía Lemus, “a denuncia do aumento dun 172% do endebedamento por habitante en 3 anos, en plena crise económica, é de tal gravidade, non pode ser cualificada de alarmista. “Grazas” a este grupo de goberno a cidadanía teense vai “gozar” dun plan de axuste que durará ata o ano 2022, unha hipoteca a longo prazo para un concello que necesita buscar un modelo de crecemento a toda costa”.

Conforme aos datos recollidos na Conta Xeral o endebedamento por teense pasou de 118,55 euros no ano 2010 a 322,59 euros no 2013, aumento que ten a súa causa no feito de terse concertado diversas operacións de crédito a fin de poder realizar o pagamento das facturas a provedores. Como resultado e tal como denuncian os Socialistas de Teo, no ano 2022, o concello estará aínda a pagar os créditos bancarios que se tiveron que pedir no ano 2012 para pagar facturas do ano 2010.

O retraso no pagamento das facturas a provedores que provocaron a obrigatoriedade de concertar estes préstamos non está solucionado, nin se prevé a súa solución a corto prazo. Cando a normativa obriga ao pagamento en 30 días naturais desde a recepción da factura no concello, o Concello de Teo está a efectuar o pagamento nunha media de 99,69 días, triplicando o prazo legal.

Na intervención da concelleira socialista, tamén falará do listado de reparos da Intervención municipal a súa xestión:

- 9 informes sobre inexistencia de contratos ou contratos menores sucesivos, non permitidos pola lei, en servizos como a limpeza de locais ou xestión de nóminas.

- 16 informes con facturas sen ningún tipo de proposta de gasto previa.

- 5 informes desfavorables sobre pagamentos de subvencións nominativa.

En materia de ingresos a Intervención destaca que non se está a cobrar as taxas dos postos por venda ambulante, cuestión na que agardamos unha explicación, cando existe una ordenanza fiscal ao respecto, promovida polo propio grupo de goberno no 2007. 

Unha xestión deficiente a longo prazo e no que as prioridades son claras, co mantemento dun indignante gasto en soldos de concelleiros con dedicación exclusiva e cargos de confianza, maior que a suma do gasto municipal en fomento de emprego e medio ambiente.

Ningún comentario: