“Fragmentos de tempos” poderá visitarse ata o 8 de outubro na sala municipal de exposicións de Brión
O pintor compostelán Nolo Suárez inaugurou na noite de onte venres a súa exposición “Fragmentos de tempos”, que poderá visitarse na sala municipal de exposicións de Brión ata o vindeiro 8 de outubro. Trátase dunha selección de cadros que recollen “esas experiencias que un vai acumulando ao longo do tempo, que quedan na túa memoria e que despois van xurdindo cando vas traballando”, explicou Nolo Suárez diante dunha trintena de persoas que asistiron á inauguración da mostra.
O alcalde de Brión, Xosé Luís García, destacou a importancia de que “un artista como Nolo Suárez, que case que consideramos un veciño máis pola cantidade de ocasións nas que nos acompaña nos actos culturais que celebramos, sexa o encargado de inaugurar a nova tempada desta sala municipal de exposicións”. Neste sentido, Xosé Luís García explicou que “cando hai tres anos inauguramos esta sala dixemos que queriamos que se convertese no centro da cultura en Brión. E por aquí teñen pasado os máis prestixiosos artistas, ben en exposicións individuais ou ben colectivas. Peto tamén tivemos presentacións de libros, obras de teatro, recitais de poesía... Penso que ese obxectivo que nos marcamos hai tres anos quedou curto, pois esta sala de exposicións converteuse nun referente cultural para toda a comarca”.
Un punto no que coincidiu Nolo Suárez, quen destacou que “por esta sala teñen pasado artistas de gran nivel” e apuntou que “o Concello de Brión é todo un exemplo de apoio á cultura e, en especial, ás artes plásticas”. O artista compostelán explicou que “Fragmentos de Tempos” inclúe pinturas “que non son copias do natural, senón do que queda na túa cabeza, da túa experiencia co natural sumado ás distintas texturas e técnicas propias da arte, combinando elementos clásicos como a natureza con outros modernos, como as cores”.
Milleiros de visitas
Nolo Suárez indicou que “a maioría dos cadros son optimistas, con cores moi agradables, aínda que algúns tamén levan a un nivel de reflexión sobre aspectos como a seguía ou os lumes forestais. Pero fixen unha selección dende unha óptica optimista, de harmonizar ao ser humano coa natureza”.
Por último, Xosé Luís García agradeceu a presenza de Nolo Suárez, a quen advertiu tamén que “non só tes a honra de inaugurar a tempada de exposicións 2014-2015 en Brión, senón que terás un plus moi especial xa que a semana que vén celebramos as Festas de Santa Minia, polo que esta exposición será visitada por milleiros de persoas de toda Galicia”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario