Ordes – actividades de conciliación para o nadal

O Concello de Ordes prepara unha nova edición das actividades de conciliación para os pequenos durante as vacacións de Nadal

O prazo para inscribirse estará aberto dende o 12 ata o 20 de decembro no departamento de Educación

Ordes, 1 de decembro de 2011: Coa chegada do Nadal o Concello de Ordes prepara, a través da concellería de Educación, unha nova edición do programa “Conciliar será fácil e divertido”.

Trátase de actividades dirixidas aos pequenos do municipio nas mañás das vacacións de Nadal, co fin de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar das familias ordenses, á vez de que os nenos e nenas participantes teñan un tempo de diversión e ocio con xogos e obradoiros.

As actividades terán lugar dende o 22 de decembro ata o 5 de xaneiro en horario de 9 a 14 horas. Poderán participar nestas actividades os nenos e nenas escolarizados nalgún dos centros dos centros educativos do municipio en educación infantil ou primaria no curso 2011/2012. Haberá prazas limitadas e a inscrición deberá realizarse no departamento de Educación, situado no primeiro andar do Concello de Ordes, dende o vindeiro día 12 ata o 20 de decembro.

Non é a primeira vez que se leva a cabo este programa de actividades de conciliación, que ademais de celebrarse no Nadal tamén organiza o Concello de Ordes noutras épocas de vacacións escolares como a Semana Santa e o verán. Tal e como explicaron dende o departamento de Educación, con estas actividades procúrase facilitar ás familias ordenses a conciliación entre o traballo e a vida familiar nuns días nos que os pequenos teñen vacacións escolares o que dificulta aos pais o seu coidado ao ter que compaxinalo co traballo.

Para máis información pódese chamar ao teléfono do Concello 981680002 ou dirixirse directamente ao departamento de Educación do mesmo.

Ningún comentario: