Fundación Granell - Exposición Eugenio Granell: viaxe ao exótico

Hoxe xoves 8 de outubro, ás 20:15h., inaugúrase no MHN, Museo de Historia Natural da USC, a exposición Eugenio Granell: viaxe ao exótico que poderá visitarse ata o 12 de novembro.

Esta mostra lévase a cabo coa colaboración do Museo Fundación Eugenio Granell, a USC e o MHN. A proposta desenvolvida polo profesor Miguel Anxo González Rodríguez, nace do interese do Museo Fundación Eugenio Granell en crear unha estreita relación entre a institución museística e a universidade favorecendo o acceso do alumnado as súas instalacións, e poñendo a súa disposición os medios necesarios para levar a cabo esta mostra.

Eugenio Granell: viaxe ao exótico xira arredor de dous eixos fundamentais. Por unha banda, pretende reivindicar a obra do artista galego na súa estadía caribeña durante o exilio, onde verteu trazos da cultura e da fauna propias na súa obra. O paxaro, pois, aparece coma sinal de liberdade, artellando un mundo iconográfico perfecto para a súa estética surrealista. A herdanza de Granell complétase con pezas coleccionadas por el coma xoguetes ou figuras de aves. Por outra banda, a idea expositiva poderíase concibir coma unha versión depurada das antigas wunderkammer (cámaras de marabillas), que nos séculos XVI ou XVII aparecían nas residencias de altos persoeiros inzadas anarquicamente de pezas do mundo natural e máis da arte, isto é, de curiosidades. Co desenvolvemento dos modelos de museo natural e artístico, ó longo do XVIII, estes dous eidos separáronse. A unión de pezas da Fundación Granell e máis do Museo de Historia Natural tenta ser, polo tanto, unha lembranza deste concepto expositivo. 

Entre as pezas escollidas de Granell atópanse un óleo sobre cartón, o Paxaro flor, dúas acuarelas e unha construción, a máis doutras dez pezas da colección de arte étnica do Museo Fundación, provintes do antedito coleccionismo do artista. Xunto con elas, o Museo de Historia Natural achega sete mostras da súa colección vencelladas ó reino das aves. 

Miguel Anxo González Rodríguez, coordinador da exposición, é profesor do departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela impartiu a materia de Museoloxía e Museografía no curso 2014/15.

Esta exposición, xunto coa realizada no pasado mes de maio na Casa das Asociacións, Artistas na rúa, preparouse perante o curso 2014/15 e constitúe un primeiro achegamento do alumnado ó eido da xestión de exposicións. A iniciativa supón unha nova experiencia na docencia para alumnos e profesor, un desafío por mor da organización dun grupo tan amplo que carecía de bagaxe e experiencia profesional. Asemade, pretende demostrar a viabilidade deste tipo de proxectos feitos con poucos medios e apoio institucional.

Ningún comentario: