A Orquestra de Cámara Galega será a encargada de inaugurar as Xornadas de Música Contemporánea, hoxe sábado ás 19.00 h no Museo centro Gaiás da Cidade da Cultura. A entrada para o concerto será de balde previa retirada de invitación que se pode recoller antes do concerto no despacho de billetes do propio recinto. As Xornadas chegan este ano á súa cuarta edición, logo de que se retomaran en 2012 tras 13 anos sen actividade. Coproducidas polo Concello de Santiago de Compostela, o CGAC, a USC e o Centro Nacional de Difusión Musical do INAEM, son un claro exemplo do froito do traballo e e colaboración institucional e contan tamén coa colaboración do Consorcio de Santiago, da Fundación Cidade da Cultura e do Consorcio para a Promoción da Música da Coruña.
O obxectivo destas xornadas é fomentar e difundir as últimas tendencias e a innovación da música contemporánea. Neste 2015 celébranse do 10 ao 29 de outubro en diferentes espazos da cidade: Auditorio de Galicia, Teatro Principal, Salón Teatro, CGAC, Cidade da Cultura, Paraninfo da Universidade, Afundación e as Igrexas de San Domingos de Bonaval e a Universidade. A cidade encherase de música contemporánea, por tanto, cun total de 19 concertos, dos cales 3 están enmarcados no programa didáctico das xornadas, AdesTempo, e 3 en Off_Contemporánea!!, que engloba as propostas máis alternativas do ciclo: outras músicas, outras visións, outros espazos...
A encargada de inaugurar as xornadas, como dicíamos será a Orquestra de Cámara Galega cun concerto mañá, sábado 10 de outubro, na Cidade de Cultura (Museo Centro Gaiás) baixo o título ‘Rogelio Groba #85. Visións sonoras dunha vida’. Logo dunha vida dedicada á composición, Rogelio Groba atesoura un catálogo que se achega aos 700 títulos nos que presenta facianas moi diversas, xa que ao longo de todo este tempo abrangueu a práctica totalidade de xéneros musicais e unha rica variedade estética. En palabras do propio compositor natural de Ponteareas que cumpre 85 anos de intensa actividade, "o emprego dunha linguaxe ou doutra vén motivado polo contido de cada obra". A Orquestra de Cámara Galega amosa neste concerto homenaxe tres das linguaxes estéticas máis habituais de Groba: unha que poderiamos considerar neobarroca (Intres Boleses, 1978), outra de perfil neorromántico con toques etnográficos (a suite Grovios, 2004) e a terceira máis persoal, expresiva e sentimental (o concerto para trompa, Lembranzas diverxentes, 2014).
PROGRAMA
Rogelio Groba (1930)
I
Intres boleses (1978)
Lembranzas diverxentes (concerto para trompa) (2014)
II
Grovios (2004)
Ningún comentario:
Publicar un comentario