Nas súas acusacións o voceiro do PP confunde contrato menor con contrato verbal, minte coa presión fiscal do Concello e critica a autonomía fiscal do Concello cando é o mellor dato dos últimos anos
09 de outubro de 2015.- O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, pídelle “seriedade” ao voceiro do PP de Oroso, Alexander Doval, á hora de manifestarse publicamente sobre a Conta Xeral do 2014. “Unha vez máis o señor Doval demostra que debería aprender a ler e interpretar os informes de intervención, salvo que a súa intención sexa seguir mentindo á cidadanía”, apunta Mirás Franqueira.
Así, o concelleiro do PP confunde contrato menor con contrato verbal, “non sabemos se por ignorancia ou con mala intención”, puntualiza Mirás Franqueira. Así, o uso do contrato menor no Concello de Oroso foi de 705.100 euros no 2014. “A pesar do que quere dar a entender o PP, o contrato menor é un contrato toalmente legal e operativo para unha administración, aínda que a Intervención Municipal sempre prefira a licitación pública”, explica Mirás, quen apuntilla que “precisamente este ano a cantidade adxudicada por contrato menor é de 39.704 euros menos ca en 2013”.
O alcalde orosán explica ademais que “este tipo de contrato se utiliza con cousas sobrevidas como, por poñer un exemplo, a reparación do tractor para desbrozar. Se sacamos a licitación pública o arranxo do tractor, cando o procedemento estivera rematado xa se tería acabado o tempo de verán e non se poderían ter feito todos os desbroces que se fixeron estes meses”. Este tipo de actuacións de urxencia resolvéronse con este tipo de contratos e evitaron, por exemplo, que o Concello de Oroso tivera que recurrir á figura do recoñecemento extraxudicial de crédito, do que non se formulou ningún ao longo do ano 2014.
Autonomía fiscal
Manuel Mirás chama tamén a atención polo xogo de cifras do voceiro do PP, cando critica o grado de autonomía fiscal do Concello de Oroso, fixado este ano no 49,73%. “Se tomamos a relación das últimas contas, resulta que foi o mellor dato que ten rexistrado Oroso no último lustro, pois os anteriores foron de 49,63% e de 49,4%” , apunta Mirás Franqueira. A diferencia é que a media nacional, fixada no 49,7% en 2011, ascendeu ata o 54,36% este ano. “Outra cousa é que, como indica o informe de Intervención, lles subiramos as taxas e o prezo das actividades aos veciños, que seguramente é o que quere o Partido Popular pero nós entendemos que nun tempo de crise económica coma a actual non sería xustro para as familias de Oroso”, puntualiza o alcalde orosán.
Mirás critica que o voceiro do PP minta á hora de falar da presión fiscal do Concello de Oroso. “Temos unha das presións fiscais máis baixas de toda España”, di Manuel Mirás, “e os datos son moi claros: 304,5 euros por habitante, fronte á media nacional (516,32 euros) e galega (386,13 euros). Esos son os datos, por moito que lle moleste ao señor Doval”.
Finalmente, o alcalde Orosán indica que “por moito que se empeñen en enfangar, os datos son os que son e a boa xestión económica do Goberno orosán é clara, cun aforro neto de 471.216,49 euros, cunha redución de seis puntos porcentuais no volume de endebedamento e cun remanente líquido de tesourería para gastos xerais de 48.404,95 euros”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario