O Grupo Municipal do Partido Popular, ante o alto número de incidencias provocadas polo temporal, insta ao actual Goberno local a que informe das medidas preventivas postas en marcha na cidade, tanto na xornada do domingo coma a do luns. Neste senso, os populares denuncian que a falta de precaución por parte do executivo municipal para facer fronte as fortes precipitacións ocasionou múltiples danos en locais comerciais, así coma tamén un caos de circulación en toda a cidade.
Tal e como puideron comprobar os concelleiros do PP en varios puntos da cidade, as fortes choivas causaron importantes prexuízos: alagáronse as rúas da zona de Galeras, Fontiñas, avenida de Lugo…; e comercios no Ensanche ou no Casco Histórico, entre outros; ocasionando graves contratempos aos veciños e veciñas.
Do mesmo xeito, as intensas precipitacións colapsaron o sistema de sumidoiros nalgunhas zonas do concello. Os populares esixen saber, tamén, se o actual equipo de goberno levou a cabo a correspondente limpeza dos sumidoiros durante o verán, para minimizar os efectos de temporais coma este.
Para finalizar, o grupo popular destaca a rapidez na resposta nas primeiras incidencias e o traballo de todos os traballadores e traballadoras municipais para arranxar o antes posible todos os danos ocasionados polas fortes choivas e ventos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario